A ASOCIACIÓN PRESENTOU DENUNCIA CONTRA ENCE POR MANIPULACIÓN ILEGAL DE RESIDUOS CUN ELEVADO POTENCIAL TÓXICO
Durante semanas, a empresa ENCE estivo a mobilizar con maquinaria pesada (camións e escavadoras) os residuos acumulados durante anos nun depósito de superficie que a empresa denomina “a mina”. Estes residuos constitúen un depósito que se sitúa nas instalacións da factoría de ENCE nas marismas de Lourizán, entre o canle perimetral do complexo e a zona do parque de madeiras, ocupando unha superficie de 21.000m 2 . Nesta zona se produzo o acopio dun total de 187.445m 3 de residuos de diversa índole pero que inclúen, de acordo coa descripción que dos mesmos fai a empresa, materiais como limos negros cuio orixe se asocia a episodios de dragado das balsas de decantación; estes limos, dado que nas balsas de decantación se teñen atopado elevadísimos niveis de mercurio procedentes dos vertidos de ELNOSA, han de ter unha forte carga contaminante que fai que merezan ser considerados como perigosos.
A manipulación destes residuos, que por conter restos orixinados nunhas instalacións de produción de cloro deben considerarse como perigosos, esixe unha autorización específica. A empresa solicitou autorización para mobilizalos dentro do proxecto de recheo das balsas de decantación que forman parte do complexo industrial, estando situadas dentro da parcela de dominio público marítimo terrestre que a empresa ocupa en réxime de concesión en Lourizán; este proxecto, denominado “Recuperación terrenos balsas 1, 2, 3, y 4” no que se inclúe a solicitude para a mobilización dos residuos de “la mina” para a súa utilización como material de recheo para as balsas, foi sometido a exposición pública por parte das Administracións autonómica e estatal en xuño de 2004 e nunca chegou a ser aprobado dados os perigos que para o medio ambiente, a saúde dos habitantes da zona e para os recursos naturais supoñía tal operación. Os residuos de “la mina” aparecían no documento exposto deficientemente caracterizados na súa diversidade dado que no citado proxecto de recheo das balsas apenas figuraba unha descrición visual dos mesmos (soamente figuran referencias ao color e a textura pero ningunha especificaba a composición química), ocultándose o grado de toxicidade dos mesmos pero que, dada a falla de escrúpulos ambientais amosada dende sempre pola empresa, cabe agardar que, ao menos en parte dos diferentes niveis estratiformes, sexa moi elevado; polo menos os que, de acordo co proxecto denominado “Recuperación terrenos balsas 1, 2, 3, y 4”, se sitúan en niveis profundos da acumulación de residuos nos que explicitamente: “Se observa un nivel diferenciado constituído por arenas mezcladas con limos negros cuyo origen se asocia a episodios de dragado de las balsas o también pudiera ser el fondo de alguna antigua balsa”; moi probablemente a toxicidade estea presente en toda a columna do depósito.
Baixo as bendicións dun investigador da Universidade de Compostela que xa ten traballado ao servicio da empresa, estes residuos comenzaron a ser transladados ás minas de Touro, perto de Compostela, onde a empresa xa ten depositado todo tipo de residuos de forma ilegal.
Diante destas actuacións, nas que persisten os comportamentos irresponsables, ilegais e irrespectuosos co medio, cos recursos e coa saúde dos cidadáns, a Asociación Pola Defensa da Ría presentou denuncia, o 7 de novembro de 2005, diante da Consellería de Medio Ambiente para que proceda a paralizalas e a abrir un expediente sancionador por incumprimento da lexislación de vertidos. Tamén solicitou que se estude a posible comisión de delito contra o medio ambiente e que, no seu caso se poñan os feitos en coñecemento dos tribunais de xustiza.
Despois de presentada a denuncia paralizáronse os movementos de residuos en "a mina" pero polo de agora a Consellería de Medio Ambiente, facendo gala da súa habitual falla de transparencia, non ten respostado á denuncia presentada nin aclarado a composición dos residuos.
Ver denuncia.