CONTRA OS RECHEOS DO PORTO DE MARÍN

Dende o ano 1995, a Autoridade Portuaria do porto de Marín e Ría de Pontevedra ven realizando neste porto recheos que, pola súa magnitude, están a provocar modificacións na hidrodinámica do litoral e consecuentemente na dinámica sedimentolóxica dos areales que constitúen os bancos marisqueiros do interior da Ría. Estes recheos teñen por obxecto crear solo industrial para actividades que poderían realizarse en calquera zona fora dos terreos de dominio público do porto, como consecuencia a vila de Marín perde contacto co mar ao tempo que a súa fachada á Ría se enche de inmensas naves industriais.

A pesar de que dende o principio a APDR denunciou estes desmesurados recheos e alertou sobre as súas consecuencias, a Autoridade Portuaria seguiu avanzando cara ao Mar e pechando o canal entre Marín e a Illa de Tambo; con enganos e coa colaboración da anterior administración do Partido Popular foi consumando unha expansión que parece non ter límites.

Despois de máis de 10 anos de oposición nos que a Autoridade Portuaria ten completado boa parte dos recheos, na APDR seguimos convencidos de que ao final triunfará o sentido común e se estudiarán as consecuencias que, para o medio ambiente e para os recursos pesqueiros, os recheos teñen representado e se restituirá a situación anterior.

Este ano 2005 a APDR ten emprendido novas accións diante da administración de da xusticia de cara a conquerir a paralización dos recheos e o estudio dos daños producidos. En maio, a asociación, presentou diante da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xusticia de Galicia un recurso contencioso-administrativo contra a decisión da COTOPV de aprovar a modificación do Plan Especial do Porto de Marín e Ría de Pontevedra que pretende consolidar os recheos que está a realizar a Autoridade Portuaria, este recurso foi admitido a trámite o 1 de setembro. O 13 de outubro, conxuntamente co Consello de Administración da Lonxa de Campelo, na que participan as confrarías de pescadores de Lourizán, Pontevedra e Raxó, a APDR presentou un recurso de reposición contra a resolución da Secretaría General para la Prevención de la Contaminación y el Cambio Climático pola que se formula Declaración de Impacto Ambiental para unha segunda fase de expansión que leva xa anos en marcha.

Para a Asociación Pola Defensa da Ría, defender as actividades sostibles de explotación dos recursos naturais nas que se ocupan aunhas 1000 personas, implica a defensa dos sistemas naturales que soportan estas actividades, por iso deefenderemos e chamamos a todos a defender a Ría de Pontevedra libre de recheos.

 

BREVE HISTORIA DOS RECHEOS

Xunto co Consello de Administración da Lonxa de Campelo, a APDR ten presentado, en outubro do 2005 un recurso de reposición contra a Declaración de Impacto Ambiental aprobada polo Ministerio de Medio Ambiente. Texto en PDF do recurso interposto contra a Declaración de Impacto Ambiental.

Informe da Delegación Provincial de Pontevedra da Conselleríade Pesca e Recursos Mariños na que se constatan os danos producidos aos bancos marisqueiros do interior da Ría de Pontevedra.

Informe da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca no que se constatan os danos producidos aos bancos marisqueiros do interior da Ría de Pontevedra.