CONSERVACIÓN DE ECOSISTEMAS NATURAIS
A destrucción de ecosistemas naturais, tanto climácicos como adaptados a medios con factores limitantes ou sistemas que constitúen etapas de sucesións ecolóxicas vense producindo en Galicia dende tempos protohistóricos. De calqueira xeito a destrución que se está a producir nas últimas décadas, aparte de afectar a grandes extensións, está a poñer ao borde da extinción nalgúns casos e en situación de perigo noutros aos ecosistemas naturais de Galicia. Os ecosistemas naturais, sobre todo os máis avanzados na sucesión ecolóxica, ocupan un área cada vez máis reducida e se atopan cada vez máis degradados, estándose a producir unha perda irreversible de biodiversidade que nos sitúa nun estado de desequilibrio ambiental que pon en perigo o noso futuro.
A consevación da biodiversidade esixe medidas de protección dos ecosistemas e de recuperación daqueles que se atopan degradados por estar sometidos a forte presión. A lista de Hábitats da Directiva 97/62/CE é unha boa referencia para señalar os sistemas a conservar; nela se inclúen os ecosistemas naturais en evolución cara á etapa clímax e algunhas formacións climácicas presentes no noso entorno. Estes ecosistemas, considerados como zonas degradadas, destrúense con frecuencia para instalar sistemas produtivos como plantacións de eucalipto e pino o que provoca erosión, a verdadeira degradación do soporte edáfico dos sistemas forestais.
Ademais corresponde lóxicamente protexer, dada a súa cada vez máis escasa extensión o bosque climácico característico do noso entorno climático, a carballeira de Quercus robur; tamén os sistemas adaptados como soutos de castiñeiros, os bosques umbrófilos de vidueiro os sobreirais e por suposto os bosques de ribeira.
No caso concreto do entorno da Ría de Pontevedra, igual que no resto de Galicia, en primeiro lugar é imprescindible a ordenación precisa de usos do solo para evitar confusións e indeterminacións que de seguro están detrás da causa da ignición de moitos incendios forestais. De acordo co Plano Forestal de Galicia de 1992, no entorno da Ría nos atoparíamos con que, dado o elevado poboamento da nosa bisbarra, o noso monte entraría fundamentalmente dentro da categoría de monte periurbano con pequenos retales de espacios sensibles. En menor medida atoparemos monte produtivo que en calquera caso debe ser xestionado con criterios de e diversidade de produtos e stibilidade.
Dentro da categoría de sistemas sensibles entrarían as escasas masas de ecosistemas climácicos que aínda sobreviven como nos salóns do Lérez, diversos bosques de ribeira, soutos e carballeiras e algún sobreiral. Tamén deben incluirse dentro desta categoría os ecosistemas que constitúen etápas dinámicas das sucesións ecolóxicas e os adaptados a medios con factores limitantes.