PREFERENCIA DE ESPECIES ADAPTADAS

A historia dos cultivos forestais en Galicia demostra que as introducións de especies foráneas se realizaron con escaso coñecemento e nula previsión das consecuencias a medio prazo e extendéronse para satisfacer intereses minoritarios sen un modelo de xestión que garantira a conservación de solos e da biodiversidade no tempo.

A falta de previsión tamén das necesidades futuras de madeira destas especies e a promoción da súa plantación con subvencións da Administración ten levado á unha desmedida extensión dos cultivos de eucalipto e pino que ata acadar unha sobreprodución que ten permitido aos compradores a manter ou, no caso do eucalipto, rebaixar o prezo da madeira mentres subía o dos produtos elaborados con ela e o das madeiras en xeral. A consecuencia é o empobrecemento do produtor, o abandono do monte e os danos asociados á extensión de expecies invasivas (con grande capacidade de propagación), pirófitas (produtoras de combustible para eliminar competidores), alopáticas (produtoras de sustancias tóxicas para outros vexetais) e como consecuencia os producidos polos incendios e a perda de diversidade biolóxica.

É necesario recurrir a especies autóctonas ou ben adaptadas ao noso clima que eviten os riscos de incendios e erosión. Na actualidade se teñen xa posto en marcha proxectos de plantación de especies autóctonas como o carballo e de especies introducidas en diversos períodos dende o castiñeiro que existe nos nosos montes dende tempos protohistóricos ata outras que se cultivan dende tempos máis recentes como especies forestais produtoras de madeira e froito como a nocieira, a cerdeira ou, moito máis recentemente, o carballo americano.




 




O castiñeiro é unha especie introducida en Galicia en tempos protohistóricos que amosa unha boa adaptación ao medio e que non plantea problemas de lumes forestais. A nivel produtivo é unha fonte de froitos e madeira de calidade.