ORDENACIÓN DOS USOS DO SOLO

O estado no que se atopa o monte e a perda dunha grande parte da nosa superficie forestal ten moito que ver coa falla de ordeación de usos do solo. Ao non existir unha definición clara de usos nin unha catalogación precisa prodúcense confusións e conflitos que levan á transformación de solo forestal en industrial ou residencial e a un incremento do risco de incendio.

Aínda que o Plano Forestal de Galicia de 1992 non é de ningún modo a mellor forma de afrontar o futuro do monte en Galicia, establecía xa unha división básica dos montes en función do uso e aproveitamento predominante; a pesar de que sería necesario establecer outras categorías, o Plano diferencia xa entre monte produtivo, espacios sensibles e parques e espacios periurbanos.

Seguindo este tipo de esquema, parece claro que a maior parte da superficie forestal da bisbarra da Ría de Pontevedra, dado o elevado nivel de poboamento, debería considerarse dentro de unha categoría que contemplase este feito. O modelo de xestión de usos en montes periurbanos pasa por consideralos espazos esenciais para as áreas urbanas nos que os usos sociais e recreativos deben ser fundamentais. A protección da biodiversidade e polo tanto dos ecosistemas naturais e a súa promoción, preservado as sucesións ecolóxicas e evitando a expansión de especies pirófitas ou invasivas deben ser as pautas de xestión ambiental. Dado o estado de degradación no que se atopan na nosa bisbarra solos e ecosistemas naturales é necesario levar a cabo unha eliminación ordeada de especies exóticas e pirófitas e a súa sustitución, na medida do posible por especies propias dos nosos ecosistemas ou adaptadas (en requerimentos, ciclos e paisaxe). Tamén e necesaria a protección dos ecosistemas adaptados a situacións de degradación (etapas de sucesións naturais) e os adaptados a medios con factores limitantes; dende logo todos os incluidos na lista de Hábitats da Directiva 97/62/CE . A protección da biodiversidade abre o monte a unha ampla gama de usos sociais que van dende os ambientais como a preservación das condicións climáticas locais, a conservación dos recursos hídricos, a recuperación da paisaxe ecolóxica e cultural, o control da erosión, a eliminación de CO2 a longo prazo ou a aproximación á estabilidade ambiental. Tamén permite que os montes cheguen a ser auténticas zonas verdes para o uso e disfrute da cidadanía cumplindo ao mesmo tempo a función de verdadeiros pulmóns das aglomeracións e diversificar e incrementar os aproveitamentos do monte tanto produtivos como paisaxísticos.

As medidas de protección débense extremar naquelos sistemas máis fráxiles que posúen valores especialmente sensibles. Precísase nese caso unha atención especial onde o elemento clave de xestión sexa precisamente ese o valor singular do propio sistema.

O monte produtivo en sentido estrito ocupa unha superficie menor pero aínda importante na bisbarra. Unha xestión axeitada destes montes baseada na diversidade de produtos, na que a produción non
é únicamente madeira e inclúe tamén produtos silvestres, gando, compostaxe, etc.; e unha diversidade de usos ambientais e sociais permitirá acadar a rentabilidade económica que se poda manter ou incrementar no tempo. A xestión sostible do monte produtivo implica un cambio na valoración social do monte pero debe incluir un control do risco de incendio e de erosión; as especies exóticas pirófitas deben ser na medida do posible erradicadas ou controlado o seu potencial de risco evitando a súa plantación en zonas con pendente, na proximidade de ríos, vivendas, vías de comunicación, montes ou ecosistemas naturais, liñas de transporte eléctrico, etc.; tamén é necesario o control estrito do estado destas plantacións e das medidas que se toman para controlar o risco ambiental e económico que implican.

 


 



Ata as formacións colonizadoras de meios degradados constitúen unha etapa dunha sucesión ecolóxica sendo imprescindible a súa conservación