MANTEMENTO DAS SUCESIÓNS ECOLÓXICAS

Os sistemas forestais presentes no noso monte amosan con frecuencia estados degradados da sucesión ecolóxica natural que corresponde á nosa área climática. É raro atopar no entorno da Ría de Pontevedra a etapa clímax desta sucesión, a formación máis madura, máis biodiversa, máis estable, con maior produción e mínima produtividade e instalada sobre un solo ben evolucionado e con gran capacidade para soportar vexetación que neste ámbito bioclimático está representado por un bosque caducifolio, normalmente de carballos ou bidueiros.

Diversas prácticas causantes de degradación dos sistemas naturais, algunhas realizadas dende tempos antigos, teñen provocado unha degradación paulatina dos sistemas climácicos. A desaparición da formación arbórea e a súa sustitución por sistemas menos maduros como o mato e a sustitución das especies propias por outras exóticas constitúen a paisaxe degradada máis extendida na actualidade, onde predominan os sistemas con baixa diversidade e escasa produción sobre solos delgados e pouco estruturados.

Para garantir o futuro dos nosos sitemas forestais é fundamental evitar a degradación que se manifesta tras unha perda de diversidade biolóxica e un empobrecemento do solo. Debemos protexer todos os ecosistemas naturais para permitir que as etapas de sucesión ecolóxica evolucionen cara outras cada vez máis maduras. Deste modo preservaremos as especies que garanten a estabilidade dos nosos ecosistemas e os solos que permitirán a producción no futuro.




 



Os sistemas climácicos garanten recursos híddricos, biodiversidade e solos produtivos.