A SITUACIÓN DOS BANCOS

 

 

AS AMEAZAS

Dende fai anos, a Asociación pola defensa da Ría ven denunciando agresións ao medio ambiente que ao orixinar unha degradación do sistema poñen en perigo a pervivencia da actividade extractiva nos bancos marisqueiros do interior da Ría.
Aínda que as denuncias da Asociación e doutros colectivos e a mobilización social teñen evitado que as consecuencias das agresións fosen máis dramáticas, o estrés ambiental ao que está sometida a zona interna da Ría onde se sitúan os bancos é tan forte que a probabilidade de que se produza un acontecemento que obrigue ao seu peche é moi elevada. Pero ademais, a elevada contaminación que soporta a zona e as continuas agresións que afectan ao equilibrio sedimentolóxico, fan que a producción dos bancos estea a diminuir ano tras ano mentres a degradación avanza.
Ainda que neste momento a ameaza máis evidente é a elevada contaminación de orixe fecal, a seguridade para os bancos so se acadará cando se eliminen os vertidos e se vixíen as agresións en liña de costa. Mentres a Ría estará moi lonxe do seu equilibrio ecolóxico, e as probabilidades dun episodio de morte masiva de moluscos e outros organismos será moi elevada.