3. AXENTES TRANSPORTADOS POLO RÍO LÉREZ E OUTROS RÍOS
O Río Lérez e outros ríos que desembocan na zona interna da Ría de Pontevedra son o vehículo que recolle e transporta cara á Ría unha serie de sustancias en disolución, flotadas e de partículas en suspensión que están a perxudicar ao ecosistema fluvial e ao ecosistema mariño que constitúe a Ría e, xa que logo, perxudica aos bancos marisqueiros. Outros pequenos ríos xogan un papel importante á hora de transportar axentes degradantes á Ría, sobre todo o Rons, o Alba e o Gafos. Unha breve lista dos axentes que chegan á Ría a traves do Lérez e outros ríos menores e que contribúen a reducir a estabilidade ecolóxica e polo tanto a poñer en perigo os bancos marisqueiros sería a que segue:
VERTIDOS DE AUGAS RESIDUAIS DE ORIXE DOMÉSTICO
Aínda existen un bo número de vertidos de augas fecais ao Río Lérez e ao Alba, Rons e Gafos. Estes vertidos fan chegar á Ría unha grande cantidade de materia orgánica que se suma á doutros orixes. Tamén aportan contaminación bacteriana ao conter microorganismos de orixe fecal, elevando a carga bacteriana das augas da Ría.
VERTIDOS CLANDESTINOS DE DIVERSA ORIXE
É por desgracia frecuente que aparezan no Río Lérez, no Alba, no Rons e no Gafos vertidos masivos de diverso aspecto e de diferente orixe que son consecuencia da falla de control sobre a rede de alcantarillado e os cauces. Cada vertido presenta características diferentes pero todos producen dano nos ecosistemas fluviais e chegan aos bancos marisqueiros, diluídos, pero aínda así constitúen un elemento de degradación ambiental máis.
NUTRINTES UTILIZADOS EN AGRICULTURA E EN MONOCULTIVOS FORESTAIS
O uso e abuso de abonado mineral en cultivos agrícolas e sobre todo en monocultivos forestais de eucalipto, fai que o arrastre por escorrentía superficial e a infiltración cara niveis de circulación de augas subterráneas, transporte estes nutrintes minerais cara a rede de drenaxe, aos ríos e á Ría. Estes nutrintes son elementos que fertilizan o medio e contribúen ao aumento da produción de materia orgánica por fotosíntese que se traduce na aparición de "verdello" e na acumulación de materia orgánica nos fondos, esta materia orgánica precisa de osíxeno para descompoñerse o que fai que os niveis de osíxeno no medio diminúan poñendo en perigo a supervivencia dos organismos do medio. Cada vez máis utilizados en monocultivos de eucalipto as consecuencias que poden ter os insecticidas e herbicidas dispersados de forma masiva están por avaliar.
SÓLIDOS ORGÁNICOS E MINERAIS PROCEDENTES DE INCENDIOS FORESTAIS
Despois do lume, coa superficie do solo solta e desprotexida as augas da chuvia comezan a mobilizar elementos do solo. A capacidade erosiva depende da enerxía da auga que pode ser baixa (puca chuvia, baixa pendente) ou alta (chuvia intensa, pendente elevada) transportando según os casos partículas de diferente tamaño de compostos orgánicos máis ou menos carbonizados e agregados de húmicos e particulas minerais de tamaño moi pequeno (arxilas) medio (limos) ou grande (area e grava) según a enerxía da auga. Estes productos da erosión que supoñen despois do verán miles de toneladas son evacuados pola rede de drenaxe hasta o río que os leva á Ría. Ao chegar e diminuir a velocidade da corrente comezan a sedimentar nos fondos. Os sólidos orgánicos producen diminución da concentración de osíxeno nas proximidades do fondo e liberan nutrintes ao descompoñerse. Os sólidos minerais de pequeno tamaño, os máis fácilmente transportables, interfiren nos mecanismos de respiración e alimentación micrófaga dos organismos acuáticos ao introducirse nas súas branquias; en xeral os sedimentos cambian a estructura física e química dos fondos reducindo estabilidade ecolóxica. Os episodios de chegada de restos de incendios de setembro e outubro de 2006 son unha boa proba do poder destrutivo dos restos de incendios e solos erosionados polas chuvias máis ou menos intensas.
ARRASTRES EROSIVOS PROVOCADOS POR MOVEMENTOS DE TERRAS
Os movementos de terras que se producen para realizar plantacións forestais ou en obras públicas ou privadas deixan expostos aos axentes erosivos materiais soltos que, en caso de chuvia serán arrastrados cara a rede de drenaxe e que acabarán na Ría provocando os danos dos que se falaba no capítulo anterior. Os danos que a erosión está a provocar no outono de 2006 con graves perdas ambientais e económicas son unha expresión dun fenómeno que probablemente se produza outros anos.