NORFOR DENUNCIADA POR REALIZAR UNHA PLANTACIÓN DE EUCALIPTO CON FORTE IMPACTO AMBIENTAL
Conxuntamente, a Asemblea do Suído e a Asociación pola defensa da Ría (APDR), presentaron diante da delegación de Pontevedra da Consellería do Medio Rural unha denuncia administrativa contra NORFOR, polos danos que está a producir na Serra do Suído onde está realizando unha plantación de eucalipto en réxime de monocultivo nunha zona con fortes pendentes ocupada anteriormente por vexetación natural.
Destrozos erosivos provocados por NORFOR con eliminación da vexetación orixinal e grave perda de solo en Piñeiro.
Os destrozos na zona, implican a desaparición da vexetación natural existente antes da realización da plantación. A eliminación do solo por erosión supón tamén a desaparición da vexetación a el asociada e a substitución por outra adaptada ás novas condicións de regresión. Por outro lado, a medida que as árbores medren, é practica habitual en NORFOR a eliminación da vexetación que compite cos eucaliptos con herbicidas, en tratamentos que sole aplicar cada dous anos, co que esta acabará por desaparecer totalmente.
A denuncia e solicitude de intervención da Consellería do Medio Rural que a Asemblea do Suído e a Asociación pola defensa da Ría veñen de presentar, refírese a unha plantación de eucaliptos que a empresa NORFOR está a realizar no Concello de Covelo, probablemente dentro do ecosistema que o goberno galego ten decidido incluír na rede NATURA 2000, a Serra do Suído, con límites aínda por establecer. A plantación afecta a unha área que se aproxima aos 500.000 metros cadrados e ten producido graves danos no ecosistema existente e destrozos que están a disparar os procesos erosivos e que están a transformar as características físicas e biolóxicas nunha zona de grande valor ambiental, iniciando un proceso de regresión que se faría máis profunda a medida que medrasen as árbores da plantación.
 |
 |
A empresa ten construído pistas, levantado o subsolo rochoso e eliminado vexetación e solo.
Ver texto da denuncia.
Ver nota de prensa do 24 de maio de 2007.