CONTAMINACIÓN DE AUGAS SUPERFICIAIS E SUBTERRÁNEAS
As agresivas prácticas forestais realizadas por NORFOR implican a contaminación de sistemas de circulación de auga superficiais e subterráneos; ao aplicarse os tratamentos de forma masiva, a contaminación vai ter consecuencias graves para os ecosistemas fluviais e litorais. A contaminación provocada por NORFOR provén da mala xestión que realiza nas súas parcelas nas que utiliza técnicas que implican un serio risco ambiental. A pesar de que as consecuencias da contaminación que provoca a empresa son claras, a empresa non asume os custos que provoca nas economías da zona e que implican pérdas en recursos pesqueiros e marisqueiros, por suposto tampoco, e a pesar de que dende a Asociación pola defensa da Ría se lle teñen mostrado estes feitos, toman ningunha medida para evitalos no futuro.
UTILIZACIÓN MASIVA DE HERBICIDAS
NORFOR evita a competencia doutros vexetais co eucalipto aplicando grandes cantidades de Glifosato, un producto de elevada toxicidade que é a causa máis frecuente de reclamacións e casos de envenenamento no Reino Unido. A súa toxicidade se ten comprobado en experimentos de laboratorio, dos que se deduce que inhibe a síntese de esteroides sendo un axente xenotóxico en mamíferos peixes e anfibios. Ao ser arrastrado polas augas da chuvia chega aos regatos e Ríos onde provocará mortandade non so en organismos vexetais senon tamén en animais. Este veleno tamén se infiltrará cara os niveles freáticos podendo chegar a augas de consumo humán.
FUMIGACIÓN A GRAN ESCALA CON DIFLUBENZURÓN
O diflubenzurón é un insecticida inespecífico utilizado por NORFOR que actúa evitando a formación do exoesqueleto quitinoso dos insectos, actuando polo tanto sobre todo tipo de artrópodos tanto perxudiciais como beneficiosos, incluso sobre aqueles que xogan un papel fundamental nos equilibrio de sistemas forestais. Absorbido pola pel e os intestinos polos mamíferos xeneran despois de hidrólise enzimática produtos de contrastada toxicidade como a cloroanilina, activa sobre a hemoglobina. O seu arrastre cara os ríos será xa que logo perxudicial para os organismos artrópodos e non artrópodos dos ecosistemas acuáticos e pode ser perigoso para o home si se contaminan augas subterráneas.
APLICACIÓN DE ABONOS MINERAIS
Para estimular o crecemento dos eucaliptos
NORFOR aplica nas parcelas que xestiona abonos minerais ao longo de todo o ciclo dende o momento de plantado. Estes abonos son solubilizados polas augas e na súa maioría e, ou ben se infiltran elevando a concentración en nitratos e fosfatos das augas subterráneas ou ben son arrastrados pola escorrentía acabando nos cauces nos que producen unha hiperfertilización do medio e un crecemento masivo de organismos fotosintéticos que alteran as condicións do ecosistema e en augas tranquilas do río, nos embalses e nas rías onde desembocan, aumentan o risco de eutrofización con desaparición de osíxeno no medio. Os nitratos son ademáis perigosos para a saúde humana.
PRÁCTICAS XENERADORAS DE EROSIÓN
O sistema de traballo de NORFOR inclúe prácticas que provocan unha severa erosión dos terreos. A tala en matarrasa de grandes extensións de cultivo, o subsolado mecánico en profundidade con levantamento e exposición de grandes cantidades de solo e a introducción de maquinaria pesada provocan graves disturbios que van a traducirse na mobilización polos axentes erosivos de grandes cantidades de solo cara á rede de drenaxe fluvial. Ademáis o cultivo dunha especie pirófita e as prácticas favorecedoras da acumulación de combustible coma o uso de herbicidas fan que con frecuencia as parcelas de NORFOR sexan pasto dos incendios o que provoca os máis fortes arrastres de solo. Estes materiales arrastrados inclúen sobre todo microcristais de minerais arxilosos, e pequenos cristais de feldespatos e seixo, en xeral do tamaño do limo e das arxilas e en menor medida maiores que cambian a dinámica sedimentolóxica dos ríos e das rías onde desenvocan, alteran a capacidade de penetración da luz e dificultan os procesos respiratorios e alimenticios dos organismos acuáticos. Os arrastres levan tamén aos cauces os agregados orgánicos que compoñían a parte orgánica do solo e outras partículas de maior tamaño que ao depositarse van a consumir unha grande cantidade de osíxeno na súa descomposición diminuíndo a concentración deste gas nos ecosistemas fluviais e nas áreas de litoral próximas á desenvocadura.
|