 |
QUE CERTIFICA O FSC?
O FORESTY STEWARDSHIP COUNCIL, QUE NACEU PARA CERTIFICAR A XESIÓN SOSTIBLE DE BOSQUES ESTÁ A CONCEDER NA ACTUALIDADE UN SELO VERDE A PRACTICAS FORESTAIS QUE DUNHA FORMA CLARA ATENTAN CONTRA A SOSTIBILIDADE AMBIENTAL, ECONÓMICA E SOCIAL; ENTRE AS EMPRESAS CERTIFICADAS ESTÁN ENCE E A SÚA FILIAL FORESTAL NOROFOR
O FSC é unha organización sen ánimo de lucro que concede creada en 1993 co obxectivo de promover unha xestión forestal ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e economicamente viable nos bosques do mundo. O seu órgano superior é a Asemblea Xeral, formada por tres cámaras (ambiental, social e económica). O FSC posúe unha oficina internacional ubicada en Bonn, catro oficinas rexionais e unha rede de iniciativas nacionais en 35 países, entre eles en España. Na actualidade existe tamén en Galicia o denominado Grupo Galego de apoio ao FSC. O sistema de certificación basease no cumprimento duns estándares que se recollen en 10 principios e criterios e que implican unha xestión sostible dos bosques e das plantacións.
En España existen dous sistemas de certificación forestal estendidos. O PEFC, un sistema creado polos produtores sen participación dos sectores implicados no que as certificacións son absolutamente opacas e que carece da máis mínima credibilidade e o do FSC que no pasado xogou un importante papel na protección dos bosques nativos pero que na actualidade, sobre todo dende que o FSC certifica plantacións, está a multiplicar a grande velocidade a superficie con selo do sistema. Neste contexto se pode comprobar que moitos dos sistemas de xestión certificados polo FSC en todo o mundo están moi lonxe de responder aos obxectivos iniciais de promover unha xestión ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e economicamente viable; ao contrario, existen plantacións certificadas que son claramente insostibles e producen degradacións de solos, destrución de ecosistemas, perda de biodiversidade, desaparición dos recursos hídricos, contaminación de solos e augas con pesticidas, herbicidas e abonos químicos, empobrecemento e desaparición de comunidades rurais, ocupación de territorios propiedade de civilizacións indíxenas, transformación de terreos dedicados á produción de alimento e outros danos ambientais, económicos e sociais.
|
|