![]() |
|||
|
A APDR REALIZOU UNHA PLANTACIÓN DE ÁRBORES FRONDOSAS EN PEDRE O DOMINGO 25 DE FEBREIRO Mediante este acto simbólico e reivindicativo a APDR quixo incidir na importancia da conservación do bosque autóctono fronte ao monocultivo de especies alóctonas e pirofíticas como o eucalipto e o piñeiro, que se propagan sen control polos nosos montes, destruíndo a biodiversidade e a calidade do bosque e convertindo a nosa paisaxe nun "deserto verde". A APDR segue a apostar por un novo modelo de pervivencia forestal, acorde coa produción de madeira e coa conservación dos ecosistemas. É posíbel un futuro de oportunidades económicas e de desenvolvemento social e conservación da biodiversidade con actuacións que valoricen o monte como fonte de recursos diversificados. Por isto, desde a asociación incidimos na concienciación do respecto o noso entorno e animamos a tódalas persoas a formar parte deste acto no que prantamos máis dun cento de árbores de especies autóctonas, que hoxe están a ser ameazadas polos lumes, o abandono e o monocultivo, foron castiñeiros, carballos, acivros, ameneiros, bidueiras, etc. Para facilitar a participación de todas e todos, un autobús partiu da Praza do Concello de Pontevedra ás once da mañá do domingo. Ao final celebrouse un xantar na Casa de Turismo Rural de Pedre.
| |||