Nova escalada de corrupción ambiental en Lourizán !


Tal como xa fixo coa fábrica de ENCE, o Partido Popular pretende permitir a continuidade da electroquímica ELNOSA no seu actual emprazamento en Lourizán, unha decisión absolutamente inaceptábel tanto polo que supón de freo para a recuperación da Ría e a súa contorna, como polo xeito en que se vai levar adiante.

Resulta inaceptábel que a Xunta de Galicia poida facilitarlle a continuidade en Lourizán a unha empresa perigosa, que almacena grandes cantidades de cloro nas súas dependencias e pon en grave risco á veciñanza da comarca; a unha empresa que -de forma reiterada- renunciou a mudar de tecnoloxía. Renunciou, en efecto, na solicitude da renovación da AAI, ao non presentar -como esixía a UE- con anterioridade ao 2011 un plan para facer o amentado cambio, e renunciou de novo ao asinar o acordo coa Xunta de Galicia que fixaba xullo do ano 2017 como a data final de permanencia en Lourizán.elnosa-perigo-de-bomba

Tiñamos razón cando daquela dixemos que o acordo Xunta-ELNOSA era papel mollado e que chegado o momento o PP actuaría en función dos seus intereses particulares, uns intereses que pasan por favorecer ás empresas amigas. Non esquezamos que unha das máximas responsábeis de ELNOSA, Amaya Echevarría Moreno, é irmá da actual Subdirectora Xeral de Coordinación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente da Xunta.

E aínda que nos medios de comunicación indícase que esta decisión estaría condicionada ao cambio de tecnoloxía por parte da empresa, na práctica, a Xunta de Galicia concedería a renovación previamente ao abandono da actual tecnoloxía baseada na electrólise con cátodo de mercurio. Porque ELNOSA seguiría a produción en Lourizán e, quen garante que non continuaría fabricando cloro coa tecnoloxía actual?

Pero resulta inaceptábel tamén o xeito en que se pretende facilitar esta continuidade. De acordo coa información facilitada polos medios, a Xunta de Galicia está a tramitar a renovación da AAI á fábrica de cloro e sosa para, na práctica, prorrogar a súa concesión en Dominio Público Marítimo Terrestre máis alá do 2018, unha competencia que lle corresponde ao goberno central e que estaría impedida legalmente no caso de ELNOSA por estar aberto -desde hai cousa dun ano e, por certo, cun enorme secretismo- un expediente de caducidade de tal concesión.

Desde a APDR preguntámonos, vai permitir o goberno central tal inxerencia da Xunta e que continúe a escalada de corrupción ambiental en Lourizán? Vaino permitir o Parlamento español? Chamamos aos grupos da oposición no Congreso a impedir esta nova agresión á nosa comarca e, ao tempo, solicitamos aos grupos municipais do Concello de Pontevedra que manteñan unha actitude firme na defensa do interese xeral fronte aos privilexios particulares, que fagan cumprir a legalidade medio ambiental e urbanística, e que impidan calquera posibilidade de permanencia de ELNOSA na Ría, non só para preservar o noso medio ambiente senón tamén para evitar os evidentes perigos aos que estamos expostas as persoas da comarca polo almacenamento de grandes volumes de cloro, porque ELNOSA é -e seguirá sendo aínda que mude a tecnoloxía- unha bomba ao pé das nosas casas.

Descargar nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print