Eucalipto cero, como en Europa! 6 medidas urxentes


Este martes 21, Día Forestal Mundial, presentamos na Casa das Campás en Pontevedra o Manifesto Eucalipto cero, como en Europa! 6 medidas urxentes para salvar os nosos bosques e poñer couto ao eucalipto, a iniciativa “Cousa de Raíces”, maís de 60 organizacións, como a Federación Ecoloxista Galega (na que participa a APDR),

Eucalipto.cero.como.en.europa.21.03.2017

 Máis eucaliptos, máis absentismo, máis incendios, máis despoboamento…

É este o futuro que queremos para o rural galego?

EUCALIPTO CERO, COMO EN EUROPA!

 

A crecente inquedanza social pola imparábel estensión do eucalipto, que xa acada en Galiza máis de 500.000 ha, fai precisa dunha reacción por parte da cidadanía galega e por suposto, tamén da Xunta.

A especie cobre xa case o 17% de todo o territorio galego, mentras que en Portugal non chega ao 9%. A intensidade de ocupación da nosa terra é portanto dupla que no país veciño. Este dato chama a atención non só pola importante superficie que representa, senón tamén porque de todos os estados europeos, só España e Portugal permiten o monocultivo desta árbore. Que razóns xustifican esta anomalía?

A expansión do eucalipto vese favorecida por un modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola produción de madeira con pouco valor engadido, e acusa á continua presión do lobby pasteiro-enerxético para ocupar con novas especies como o Eucaliptus nitens áreas anteriormente vetadas ao E. globulus.

A recente desregulación do sector da biomasa, trala derrogación do decreto 149/2008, vai ter un efecto chamada sobre os plantíos para queimar, nomeadamente de E. Nitens. O obxectivo do sector pasteiro-enerxético encabezado por ENCE é estender o seu modelo de xeración eléctrica baseado nas grandes centrais térmicas de 50, 100MW, mediante os cultivos enerxéticos (plantar-queimar-plantar). Isto xa está a provocar unha nova vaga eucaliptizadora no país.

Tendo en conta que superfície agraria útil (SAU) na Galiza é de 8,4 ha por explotación, mentras que no estado chega ás 24,7 ha, e que nos dous últimos anos desapareceron no noso país unhas 1200 explotacións, estamos a falar de 10.000 ha que en grande parte teñen sido ocupadas polo eucalipto. Terreos rústicos de protección ordinaria destinados a cultivo e terreos rústicos de especial proteción agropecuaria que non poderían ser forestados, remataron inzados de eucaliptos diante da pasividade da Xunta.

 

As consecuencias destas políticas sobre o agro, o monte e a sociedade galega son catastróficas: perda de soberanía alimentar; abandono do medio rural; reconversión das iniciativas produtivas vencelladas á terra en absentismo urbanita con rentistas do eucalipto desconectados do territorio… E no eido ambiental e patrimonial, empobrecemento da biodiversidade, perda de fertilidade, aumento da erosión, escaseza de auga, maior intensidade dos lumes forestais, perda do patrimonio arqueolóxico…

 

Medio millón de hectáreas de eucalipto xa é dabondo: aínda non é tarde para reaxir!

Para tentar reverter esta situación, os colectivos integrados na iniciativa “Cousa de Raíces” reclamamos ás administración a adopción con carácter urxente das seguintes medidas:

  1. Moratoria para novos plantíos de Eucaliptus: Ao igual que acaba de facer Portugal, debería prohibirse a ocupación de novas con especies do xénero Eucaliptus, cando menos até que se avalíen os impactos desta árbore sobre os ecosistemas naturais logo de 40 anos de monocultivo intensivo, se realice o inventario de masas de frondosas autóctonas e se redacte un novo Plano Forestal que ordene os aproveitamentos do monte con criterios de sustentabilidade. Ademais debería aplicarse estritamente a Lei de Montes para impedir a forestación de terras agrarias e os plantíos sobre hábitats de interese.
  2. Prohibición do Eucaliptus nitens: Esta árbore está considerada polo Comité científico do Ministerio español do ambiente como unha “especie exótica en expansión, con alto risco de invasión e perigosa para a biodiversidade e a funcionalidade dos ecosistemas”. Malia a non estar formalmente incluido no Catálogo estatal de especies exóticas e invasoras, o E. nitens éo. En consecuencia, e como acontece coas demais especies invasoras, Estado e Xunta deberían incluir a esta especie no catálogo e prohibir a súa plantación, trafego e aproveitamento para preservar a integridade do noso patrimonio natural.
  3. Freo aos cultivos enerxéticos no novo Plano Forestal: O aproveitamento da biomasa forestal con fins enerxéticas non pode ser un obxectivo en si mesmo. Debe estar orientada á prevención dos incendios e a servir de apoio aos tratamentos silvícolas, para producir un incremento dos volumes de madeira de alta calidade e favorecer a conservación dos ecosistemas forestais e as condicións fitosanitarias dos bosques galegos. O aproveitamento da biomasa consonte a estes criterios debería reverter nas comunidades locais, como un complemento máis das iniciativas vencelladas ao territorio, e non converterse en obxecto de especulación por parte das grandes corporacións. Neste senso, os denominados cultivos enerxéticos (plantar-queimar-plantar) deberían estar ausentes das políticas agroforestais.
  4. Cumprimento estrito da lexislación para impedir a forestación de terras agrarias e os plantíos sobre hábitats de interese: A proibición de forestar as terras agrarias debería ser respectada aplicando as correspondentes sancións aos infratores. A administración debería iniciar un proceso de reversión, mesmo mediante a execución subsidiaria, para que as terras agrarias hoxe ocupadas por plantacións forestais retornaran ao seu uso orixinario. Esta iniciativa debería complementarse cun Plano de ordeamento territorial e de orientación de cultivos, para potenciar a mobilidade das terras e o correto aproveitamento da superficie agraria util. Tamén resulta fundamental garantir o cumprimento das normas que impiden a susbtitución de carballeiras e doutro tipo de formacións e hábitats de interese por eucaliptais, revertindo as afeccións e restaurando as funcións ecolóxicas destes espazos.
  5. Establecemento dunha fiscalidade “verde” para o eucalipto: O aproveitamento intensivo desta especie comporta o deterioro de servizos ecosistémicos que como a diversidade natural, a dispoñibilidade de auga, a fertilidade do solo, ou a calidade paisaxística, son importantes para a vida e o mantemento das actividades económicas da nosa sociedade. Os eucaliptais inciden tamén na maior frecuencia e intensidade dos lumes; na contaminación de terras e rías con agroquímicos e subprodutos das celulosas; no empobrecemento da biodiversidade e no avanzo da erosión, provocando perdas económicas directas. Tamén, o eucalipto contribúe a fosilizar importantes cantidades de recursos públicos: o PLADIGA -plano de loita contra o lume- custa anualmente máis de 150 millóns de €. En consecuencia, o aproveitamento do eucalipto debería estar gravado cun imposto que contribuira a reverter os danos que provoca no medio e as perdas económicas que este modelo causa á sociedade.
  6. Promoción dos aproveitamentos sustentábeis e da conservación dos bosques naturais: Os modelos de aproveitamento que apostan pola multifuncionalidade do monte e baseados na utilización das especies autóctonas, deberían estar primados con incentivos, mesmo sen ter unha fin produtiva. Os nosos bosques naturais prestan un importante servizo á sociedade, polo que semella lóxico que esta repercuta parte dos beneficios a aquelas comunidades e propietarios/as que apostan pola súa conservación.

 

Galiza, 21 marzo de 2017, Día Forestal Mundial

As organizacións que integran a iniciativa “Cousa de Raíces”

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print