Ante o escrache ao alcalde de Pontevedra: Elnosa fóra XA!


Recentemente o comité de empresa da fábrica de cloro Elnosa, nas mans do sindicato CCOO, anunciaba a realización dun escrache “nas proximidades da vivenda” do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, supostamente como maneira de reivindicar a continuidade da empresa química en Lourizán.manipulacion.elnosa

Desde a APDR aproveitamos a ocasión para lle lembrar ao persoal de Elnosa que se alguén puxo en perigo a continuidade desa fábrica foi a súa dirección, que decidiu incumprir o acordo que libremente asinara coa Xunta para buscar outra localización, fóra dun lugar tan inapropiado como o que desde hai décadas ocupa. É a CUF a que en lugar de buscar unha solución que podería gozar dun importante consenso social, quere agora forzar a máquina para reducir gastos e aumentar os seus beneficios.

O persoal de Elnosa erra o tiro, é á súa dirección a quen ten que esixir solucións, aínda que quizá o verdadeiro interese dalgúns se sitúe máis alá do estritamente laboral.

Pola nosa parte reiteramos que Elnosa non pode e non debe continuar instalada na Ría de Pontevedra. Non só porque sexa a empresa que leva décadas vertendo mercurio no noso mar, senón porque a cloreira é un perigo potencial directo para a saúde e a vida das persoas que vivimos nas súas proximidades en caso de acidente. E ademáis, porque a recuperación de Lourizán e da Ría require dar pasos como a marcha de Elnosa, como antesala da saída de Ence.

Queremos lembrar à Xunta e ao Goberno español que a UE non permite a prórroga do uso da tecnoloxía de mercurio máis alá do 11 de decembro deste ano e que calquera administración que permita una prórroga dese tipo estaría a prevaricar.

O actual goberno de Pontevedra ten un mandato claro saído das urnas, facer todo o posíbel por recuperar Lourizán e a Ría de Pontevedra mediante a saída de Ence e Elnosa. Por tanto apoiamos a postura do goberno municipal de non conceder ningunha licenza que Elnosa solicite. E non o fai só a APDR, senón que é a posición que defende a maioría do tecido social e da veciñanza. Este ten que ser o ano da saída de Elnosa e a APDR e o pobo de Pontevedra e dos demais concellos da Ría mobilizarémonos para conseguilo.

Elnosa fóra da Ría XA!

Descargar a nota de prensa

 

Pontevedra, 11 de maio de 2017