Créase un foro alternativo para traballar sobre os lumes forestais


DSC04626

A Federación Ecoloxista Galega (na que participa a APDR), Amigos da Terra, Asociación Forestal Frouma, Organización Galega de Comunidades de Montes e Sindicato Labrego Galego, promoven a creación dunha Mesa de Traballo dos Lumes Forestais na que participen todos os axentes do sector na Galiza. A intención desta mesa é a de crear un foro estable de traballo e diálogo de cara a que o Plan de Defensa contra os Incendios Forestais (Pladiga), que desenvolva a Xunta, responda realmente ás demandas e necesidades da sociedade galega e non a unha planificación que a Dirección Xeral de Montes copia e pega, case sen cambios, ano tras ano; e que, ano tras ano, fracasa: temos o 50% dos lumes do Estado e o 30% da superficie arrasada.

Aínda que o foro onde se debería traballar e debater todo isto é o Consello Forestal de Galicia, a Consellaría de Medio Rural fai imposible a participación dos axentes sociais que formamos parte del. Dende a creación do Consello Forestal, no ano 2004, estase pedindo a creación dunha mesa de traballo específica para planificar a loita contra o lume. Porén, dende aquela non se fixo caso desta petición.

O actual Pladiga, aprobado polo último Consello da Xunta, foi presentado aos axentes do Consello Forestal un venres pasado o mediodía, cando a xuntanza do Consello era o luns seguinte e estamos a falar dun documento de máis de 300 páxinas, ao que habería que sumar anexos e documentación adicional. O lóxico sería que as organizacións que estamos no Consello Forestal poidamos facer achegas ao longo do ano sobre as eivas do Pladiga do ano anterior e sobre as melloras do presente. Pero desta vez tampouco foi posible.

Esta Mesa de Traballo dos Lumes Forestais é promovida polos cinco colectivos que abandonaron a reunión do Consello Forestal a pasada semana en protesta pola falta de participación social no Plan de Defensa contra Incendios de Galicia (Pladiga), que lles foi entregado a poucos días do inicio da época de alto risco de lumes.

Na presentación do foro alternativo, que levará por nome Mesa de Traballo dos Lumes Forestais, os colectivos promotores lembraron que, desde hai máis dunha década, víñanlle reclamando á Xunta a creación dun grupo de traballo similar ó que agora encetan.

Eivas do Pladiga
“O Plan de Defensa contra Incendios Forestais (Pladiga) convertiuse nun copia e pega, case sen cambios, ano tras ano, e presenta multitude de problemas que nin se solucionan nin se poden abordar nunha mesa de traballo coa Consellería” -cuestionan-. “Este ano hai presupostado no Pladiga un gasto de 174 millóns de euros, a maioría enfocados cara a extinción, en tanto atopamos graves eivas na prevención, pois a día de hoxe, xa en época de máximo risco de incendios, están sen facer a meirande parte dos labores de prevención previstos nos distritos forestais galegos”, advirten.

As asociacións que promoven a Mesa de Traballo dos Lumes Forestais cuestionan tamén o papel que teñen os militares na extinción de incendios, para os que hai unha partida de 600.000 euros, e avogan por unha maior dotación de persoal para as brigadas contraincendios e para o corpo de axentes forestais, con vacantes sen cubrir. Demándase tamén unha maior formación sobre riscos laborais para o persoal de extinción.

Proceso aberto
Como primeiro paso da nova Mesa de Traballo, os colectivos promotores da mesma convidan ó resto de organizacións ligadas ó monte a sumarse á iniciativa. Están abertos tanto á participación das asociacións xa presentes no Consello Forestal como á entrada doutros colectivos, caso por exemplo dos que representan a axentes forestais e brigadas de extinción. Piden tamén a participación da Consellería do Medio Rural, “pois ao final sería a institución que tería que executar as medidas propostas na Mesa de Traballo”, sinala Diego Sánchez, do Sindicato Labrego.

O obxectivo da Mesa de Traballo sitúase en establecer unha postura común sobre os incendios forestais para, sobre esa base, definir propostas concretas de actuación nos ámbitos da política forestal, plans de defensa contra o lume, prevención, extinción e investigación das causas dos incendios.