A APDR resposta ao Vicepresidente da Xunta, Sr. Rueda


IMG_20161217_122802-br1

Chaman a atención as recentes declaracións do Vicepresidente da Xunta de Galicia, Sr. Rueda, nas que afirma que “A XUNTA DARÁ AS AUTORIZACIÓNS PRECISAS A ELNOSA SE CUMPRE COA LEGALIDADE”. Diríamos mellor que, o que realmente chama a atención é que o Sr. Rueda sinta a necesidade de facelas. Nun país normal, no que o cumprimento da legalidade ambiental fose a norma e non a excepción, nun país no que o cumprimento da norma estivese “normalizado”, estas declaracións non terían cabida!

Pero, nun país coma o noso, no que se adaptan as normas ás necesidades das empresas ou mesmo se modifican as Leis no seu beneficio, estas declaracións teñen sentido e calquera intúe que o que realmente está a dicir o Sr. Rueda é: “nós, desde a Xunta de Galicia, imos permitir que ELNOSA continúe en Lourizán si ou si, e veremos cal é o método que temos que buscar desta volta para saltarnos a legalidade e pasar por riba -entre outras cousas- do Concello”.

Pero, que credibilidade pode ter neste tema o Sr. Rueda, que actuou como recadeiro de ENCE para falar no nome da empresa nunha reunión coa Presidenta da Deputación de Pontevedra? Ningunha! Como non vai permitir o PP que ELNOSA siga en Lourizán se cumpre a Lei, se levan permitíndolle estar unha chea de anos nese emprazamento sen que a cumpran?

Sexa cal sexa a fórmula elixida para saltarse a legalidade vixente (tal vez un novo decreto de supramunicipalidade?), o procedemento de revisión da AAI de ELNOSA -o marco no que se fan esta declaracións- está cheo de irregularidades e existen distintas cuestións que supoñen, por si mesmas, a nulidade do procedemento iniciado. Así o temos denunciado desde a APDR nas alegacións presentadas hai uns días diante da Consellería de Medio Ambiente, como temos denunciado que os valores fixados na AAI no que á contaminación se refire, superan nalgún caso o fixado na Lei, ou que o Plan de descontaminación dos solos e augas soterradas presentado para a revisión da AAI é un verdadeiro despropósito.

Agardemos acontecementos, pero todo fai pensar que máis unha vez van dar por bo o plan presentado pola empresa amiga e teñen preparado xa un as na manga para xustificar tal decisión, porque desde logo, pola vía legal, este procedemento ten un percorrido ben curto e absolutamente contrario aos intereses de ELNOSA e o Partido Popular. Pola nosa banda, actuaremos por todas as vías legais ao noso alcance, pero poñeremos o acento na mobilización social como apoio indispensábel a calquera das outras vías de loita.

Pontevedra, 5 de setembro de 2017

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print