Cadea humana contra a continuidade de ELNOSA


IMG-20171203-WA0006

Diante da posición do PP a favor da continuidade de ELNOSA na Ría máis alá do 29 de xullo do 2018 (data na que finaliza a sua concesión administrativa), a APDR organizou a modo de convocatoria urxente unha CADEA HUMANA o SÁBADO 9 DE DECEMBRO ÁS 12:30 HORAS PARTINDO DA PRAZA DA LIBERDADE unindo a sé de Costas do Estado co edificio administrativo da Xunta (na rúa de Fernandez Ladreda), por ser estes dous organismos responsàbeis dunha posíbel prórroga a Elnosa.

Grazas aos varios centenares de persoas que participastes !!!.

  • Ver abaixo Vídeo de GalizaContrainfo:

 

Fotogaleria.cadea.ELNOSA.09.12.17

 

  • Ver PREGUNTAS DUN XORNALISTA E RESPOSTAS DA APDR SOBRE ELNOSA:

1.- Como cualificaría a decisión de 1967 de emprazar a fábrica en Pontevedra?

Xunto coa decisión de instalar ENCE, foi a peor das decisións para o medio ambiente, para a calidade de vida das persoas e para o desenvolvemento económico da comarca; abonda con dicir que a instalación fíxose a costa de desecar, mediante recheos, 600.000 m2 de superficie na zona de Lourizán e que supuxo a desaparición dos areais urbanos de Pontevedra, do mellor dos bancos marisqueiros da Ría, a perda da potencialidade marisqueira e turística da comarca e dos postos de traballo derivados da explotación racional destes sectores. Foi o inicio da destrución da parroquia de Lourizán, a saída natural de Pontevedra ao mar e un dos polos de atracción da comarca.

 

2.- Cal é o impacto de ELNOSA en Pontevedra?

 

O principal impacto de Elnosa en Pontevedra é o da contaminación; na Ría, pola enorme cantidade de mercurio deitado ao longo dos 50 anos en Lourizán e pola contaminación por compostos organoclorados (entre eles as dioxinas) que se estiveron producindo mentres ENCE branqueou a pasta con cloro, pero tamén -e aínda que en menor medida que a producida na fábrica de pasta de papel- pola contaminación por materia orgánica. E toda esta contaminación é altamente prexudicial para a saúde e para a Ría. Así mesmo, as emisións de mercurio á atmosfera teñen un impacto evidente na saúde. Ademais, ELNOSA é unha verdadeira bomba no medio de cidades e vilas cunha alta densidade de poboación en moitos casos. Desde o punto de vista econçomico, e agás os beneficios para os seus propietarios, supón un freo para o desenvolvemento da comarca, xa que a cambio dos seus 60 postos de traballo directo na fábrica, ten axudado (con ENCE) a destruír os milleiros derivados da explotación marisqueira e turística da Ría.

 

3.- Que debe facerse coa fábrica?

 

ELNOSA incumpriu sistematicamente a lexislación en materia de vertidos á Ría e de emisións á atmosfera; ademais, negouse (e a pesar de ter asinado distintos acordos coa administración) a buscar un emprazamento alternativo a Lourizán. Ten concesión en terreos de dominio público marítimo-terrestre ata o 29 de xullo de 2018, e ten aberto un expediente de caducidade da concesión que debera ter como resultado o fin da actividade industrial nesa data, pois existen razóns abondo (entre elas o feito de ter mudado de propietarios) para resolver que a amentada concesión ten caducado. Por todas estas razóns, o único que se debe facer coa fábrica é pechala definitivamente e como primeiro paso para o peche de complexo industrial de Lourizán.

 

4.- Que agarda das Administracións?

 

As administracións do Partido Popular na Xunta e no Goberno central, teñen dado mostras evidentes da existencia dunha enorme conivencia coas direccións de ENCE e ELNOSA, e teñen tomado moitas decisións que van en contra da legalidade, da racionalidade e do sentir da inmensa maior parte da cidadanía; teñen defendido en todo momento o interese particular destas empresas fronte ao interese xeral. Deberiamos poder agardar do Ministerio de Medio Ambiente a decisión clara e contundente de declarar caducada a concesión e fixar a data de desmantelamento e fin da actividade da cloreira, pero moito nos tememos que -como no caso de ENCE- se lle permita continuar en Lourizán mçais alá desta data, convertendo de feito o que é unha concesión pública nunha verdadeira propiedade privada. De ser así, estes gobernos pasarán á historia por apostar polo atraso económico da comarca e por un modelo de desenvolvemento trasnoitado e decimonónico.