A APDR ante as declaracións sobre o dragado do Lérez do Presidente de Portos de Galicia


Dragados-2

Cando vai transcorrido máis dun ano desde que rematou o prazo de presentación de alegacións ao proxecto de dragado do río Lérez e Ría de Pontevedra, un procedemento no que a Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) ten participado, o futuro desta actuación segue sendo unha incógnita a pesar das continuas declaracións públicas dos responsábeis da súa tramitación.

Hai agora uns dez días, o Sr. Durán, Presidente de Portos de Galicia, informaba aos medios de comunicación de que este organismo está a barallar a posibilidade de dividir por fases o proxecto de dragado, unha opción que -de acordo coas súas declaracións- sería vista con bos ollos pola Consellería do Mar. E deixaba ver logo que, sexa cal sexa a decisión, “calquera actuación debería facerse coa aceptación de todas as partes interesadas”, por consenso.

E, para a APDR, estas declaracións resultan sorprendentes, xa que o procedemento a seguir está regulado, e a Xunta debe respectar a norma legal e o proxecto proposto inicialmente; ademais, debe dar resposta ás alegacións presentadas ao mesmo. Ao noso entender, mudar o plan de actuación proposto no seu día, obrigaría a facer un novo Estudo de Impacto Ambiental para cada unha das fases propostas e volver abrir unha nova exposición pública, co correspondente prazo de alegacións.

Na APDR, valoramos positivamente que se fale da necesidade de consenso para levar adiante unhas actuacións que resultan controvertidas, pero chamamos a atención sobre a necesidade de ter en conta neste procedemento a “todas as partes” e non só a algunha delas como se fixo no proceso de elaboración do proxecto presentado; en efecto, daquela só se deu participación a algún dos sectores implicados na xestión da Ría de Pontevedra, en concreto ás confrarías de pescadores do fondo da ría e ao sector da náutica turística, deixando fóra a outros que, como a APDR, son tamén actores interesados na xestión dos recursos e na conservación da Ría de cara á súa xestión integral.

E, aínda que con certos matices, tanto o Concello de Pontevedra como boa parte do sector marisqueiro teñen manifestado o seu apoio a este proxecto, un proxecto que polas enormes carencias e incertezas que se desprenden da análise da Memoria e do Estudo de Impacto Ambiental presentados no seu día, entendemos non é aconsellábel levar adiante polo menos en tanto non se teña a garantía de que a actuación vai cumprir co obxectivo proposto e que non vai causar prexuízos irreversíbeis.

Neste sentido, reafirmámonos nas posicións manifestadas nas alegacións presentadas pola APDR hai agora un ano, insistimos na nosa posición contraria ao actual proxecto de dragado do río e ría, e chamamos a consensuar entre todas as partes interesadas, un novo proxecto que aborde a problemática da acumulación de sedimentos na Ría de forma integral, o único xeito de acometer con éxito unha actuación como a proposta.

Ver alegacións

Descargar nota de prensa da APDR

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print