A APDR oponse aos plans de saneamento da Xunta para a Ría de Pontevedra


emisario

Tal como recollen os medios de comunicación, a Xunta de Galicia adiantou no decurso da reunión da “Mesa de seguimento do Plan de Saneamento da Ría” as actuacións previstas pola administración galega dentro deste plan, unhas actuacións que, no fundamental, limítanse a duplicar a capacidade da EDAR de Os Praceres (e aumentar a súa superficie nuns 12.000 m2) e á construción dun novo emisario submarino sobre o que aportaron poucos datos concretos.

E na Asociación Pola Defensa da Ria de Pontevedra (APDR), que evidentemente persegue o saneamento definitivo da Ría, non podemos concordar co xeito no que goberno galego pretende afrontar o tema porque, lonxe de dar solución aos problemas do saneamento, pode agravalos.

En efecto, a ampliación da depuradora de Os Praceres e o aumento do volume de augas residuais a tratar nela (propón a Xunta tratar tamén as augas residuais de Poio), supón insistir nunha liña de actuacións que se teñen probado prexudiciais para o saneamento da Ría; aumentar o volume de augas a tratar, supón aumentar tamén as dificultades na súa depuración e as posibilidades de contaminación das augas da Ría, os riscos no caso de mal funcionamento, e as molestias á veciñanza. Fronte a este sistema de depuración, baseado na posta en funcionamento de grandes depuradoras, deberíase optar por depuradoras de dimensións menores, que traten un volume menor de augas, e por novas tecnoloxías, máis eficientes e con menores riscos e molestias.

Por outra banda, non se xustifica a decisión de facer un segundo emisario, destinado a recoller as augas de orixe doméstico que saen da depuradora, mantendo o agora existente para os vertidos procedentes do complexo ENCE-ELNOSA. E non ten sentido manter este último emisario porque quedou demostrado que o punto final de vertido elixido no seu día resultou absolutamente inapropiado. Que sentido ten manter este punto de vertido para as augas residuais do complexo industrial e xustificar, pola contra, que é necesario evitar o actual punto de vertido para as augas de orixe doméstica? Porque manter un dos focos contaminantes nunha zona que ten provocado efectos negativos para as augas de baño e para o marisqueo, cando se poden enviar todas as augas residuais a un punto de vertido que non provoque eses problemas? Nada di a Xunta de Galicia de como vai garantir que as augas de vertido que entren no emisario cumpran coa normativa europea (a Directiva 91/271/CEE entre outras) e moito nos tememos que, máis unha vez, opten pola permisividade neste sentido e agarden que enviando as augas máis lonxe dos bancos marisqueiros, sexa o propio mar quen dilúa a carga contaminante.

Desde a APDR consideramos inaceptábel o plan proposto pola Xunta de Galicia e esiximos que  se adopten medidas realmente eficaces para o saneamento das augas da Ría, unhas medidas  que pasan pola asunción de que a vocación natural da Ría é a explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos e que a presenza do complexo industrial de Lourizán (que segue incumprindo a lexislación en materia de vertidos) é incompatíbel coa explotación racional destes recursos, pero tamén, pola busca de alternativas á política de macrodepuradoras para o tratamento das augas residuais domésticas, unha política que defende o actual goberno galego e que se ten demostrado ineficaz, ineficiente, perigosa para o medio e molesta para a cidadanía.

Descargar nota de prensa