A APDR esixe ao Goberno que decrete a caducidade de Elnosa


DQog9rIWkAAaXeZ

Cando faltan exactamente dous meses para que caduque a concesión outorgada a ENCE e ELNOSA, os actuais propietarios desta última empresa anuncian que abandonan a produción de cloro e sosa en Lourizán. E a noticia, por máis que deixe aberta unha porta á continuidade da fabricación de derivados de cloro no seu actual emprazamento, é unha boa nova para quen loitamos contra a presenza do complexo na nosa Ría e nas nosas vidas e pola recuperación da Ría para o marisqueo, a pesca de baixura e o turismo sustentábel.

Trátase dunha vitoria da cidadanía que vén esixindo desde hai moito a desaparición do complexo, da cidadanía que -coa APDR ao fronte- vén mobilizándose pola recuperación da Ría e que vota de forma consciente e masiva desde hai anos a aquelas opcións políticas que no noso concello apostan pola saída do complexo ENCE-ELNOSA da Ría de Pontevedra. Porque esta decisión empresarial, que vaticinabamos na APDR o pasado ano cando a CUF mercou a fábrica de Solvay en Torrelavega, non é casual; ten moito que ver coa presión social e coa posición firme do Concello de Pontevedra a prol do cumprimento da legalidade e pola saída do complexo fóra da nosa Ría.

Esta decisión empresarial demostra que a mobilización social, tarde ou cedo, da os seus froitos. Porén, a loita non estará gañada ata que ELNOSA e ENCE abandonen definitivamente os terreos de dominio público na nosa Ría e recuperen a zona para deixala como estaba cando aí chegaron.

Non se pode baixar a garda porque ELNOSA non pode seguir ocupando uns terreos que non lle pertencen, que son de titularidade pública! Desde a APDR -que ten interposto varios recursos para impedir que ELNOSA continúe en Lourizán- esiximos ao goberno español que cumpra a Lei e decrete a caducidade da concesión da fábrica de cloro e sosa, unha caducidade que non é discutíbel desde o momento en que a empresa transmitiu a súa propiedade incumprindo as condicións esixidas no título concesional.

ELNOSA non pode seguir en Lourizán aínda que o faga para fabricar derivados (particularmente hipoclorito sódico) a partir de cloro e sosa importados de fóra; porque iso vai supor a circulación dun importantísimo número de camións-cisterna cargados con estes perigosos produtos químicos polas nosas estradas e o aumento da exposición da poboación da comarca a unha posíbel catástrofe.

Na APDR non imos deixar de loitar pola recuperación deses terreos, pola recuperación das nosas praias e bancos marisqueiros e polo saneamento integral da nosa Ría; e non imos permitir que os intereses económicos duns poucos poñan en perigo a saúde e as vidas da xente na comarca. Non imos baixar a garda ata que teñamos conseguido a saída de ENCE e ELNOSA fóra da nosa Ría.

O peche definitivo de ELNOSA ten que ser o primeiro paso para a desaparición do complexo!

HOXE ELNOSA, MAÑÁ CELULOSA!!!

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print