A APDR manterá unha reunión co gabinete de presidencia na Moncloa


agora2

A Xunta Directiva da “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), que tiña solicitado unha entrevista co Presidente do Goberno, Sr. Sánchez, para tratar aspectos relacionados coas concesións administrativas de ENCE e ELNOSA en Lourizán, vén de aceptar o ofrecemento realizado na semana pasada polo Xefe de Gabinete de Presidencia do Goberno para manter una reunión de traballo nas instalacións do “Complejo Moncloa”, unha reunión á que asistirían o Director do Departamento de Asuntos Económicos do amentado Gabinete e os expertos da súa equipa.

Nun escrito enviado hoxe día 7 de agosto ao Gabinete de Presidencia, a APDR confirmou o seu interese en manter esta reunión de traballo diante da imposibilidade de manter a entrevista co Presidente de Goberno por problemas de axenda do Sr. Sánchez, solicitando que se fixe data e hora para a citada reunión e que, na medida do posíbel, se faga coincidir na mesma data -ou en datas contiguas- coa entrevista coa Ministra de Transición Ecolóxica, unha entrevista solicitada poucas datas despois da súa toma de posesión no cargo, e da que aínda non teñen noticias.

Entende a APDR que deste xeito reduciríase o problema económico e persoal que supón para a Asociación ter que desprazarse en dúas ocasións á capital do Estado, pero, reduciríase tamén o impacto ecolóxico que supón duplicar os desprazamentos.

Os temas fundamentais a tratar nestas reunións de traballo co Goberno PSOE, xirarán arredor da caducidade da concesión da empresa ELNOSA, moi particularmente sobre a situación actual do expediente de caducidade aberto hai algo máis de 14 meses, e sobre a necesidade de acometer pola vía administrativa a revisión do expediente de caducidade da concesión de ENCE e a do relativo á prórroga de 60 anos concedida polo goberno de Mariano Rajoy.

Pontevedra, 8 de agosto de 2018

Descarga nota de prensa

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print