Resposta da APDR a Agustín Fernández


Prezado Agustín:

En resposta ao teu escrito do pasado 30 de setembro, no que ao falar da mesa convocada 37038893_1857996770928833_6130594549753446400_npolo PSOE para falar do futuro de ENCE, aludías á asociación que represento, direiche que aínda que non dubidamos da túa posición contraria á presenza de ENCE e ELNOSA na Ría, unha posición que vés manifestando hai tempo, cuestionamos algunha das afirmacións que semella ti elevas á categoría de verdade incontestábel.

Así, outorgas á mesa de negociación unha transcendencia decisiva para a solución definitiva do problema de ENCE na Ría, unha transcendencia que, para nós, dista moito de ser realidade, entre outras cousas porque cremos que a proposta chega tarde; insistimos en que non semella o mellor momento para obrigar a ENCE a sentarse a negociar un traslado que se negou sistematicamente a valorar por consideralo inviábel. Porque é innegábel que a dirección de ENCE síntese agora máis segura de poder continuar en Lourizán que hai uns anos, e mesmo que -coa conivencia do PP na Xunta de Galicia- está a desenvolver algún dos seus proxectos de futuro; sen ter solicitado licencia ao Concello, está levando adiante o seu proxecto de lavado de imaxe, pensa duplicar a produción de pasta e conta con poder instalar unha planta de biomasa de 40 MW. E, claro que sabemos que -no caso de confirmarse- a prórroga non é garantía da paz social para ENCE! Como non o imos saber se somos os principais actores desa oposición social que busca a saída de ENCE e ELNOSA da Ría e que, con seguridade, non vai deixar de loitar ate conseguir ese obxectivo?

Pero convirás con nós en que houbo mellores momentos para obrigar a ENCE a abandonar a Ría; non se debe esquecer que ENCE veu incumprindo sistematicamente a lexislación en materia de vertidos, entre outras a Directiva 91/271/CE de augas residuais urbanas, que supoñemos saberás é de aplicación ás augas de vertido da pasteira, o que non foi obstáculo para a concesión, polo PSOE de Galiza e co silencio cómplice do BNG, dunha AAI irregular e feita á medida das necesidades da empresa, o que lle permitiu continuar na Ría e contaminar moi por riba do fixado na amentada Directiva. Que distinto sería falar cunha empresa que sabe que non vai poder conseguir a AAI para continuar en Lourizán!

E aínda que o consideramos un tema menor, cuestionamos tamén que poñas como condición “sine quanon” para a viabilidade da mesa negociadora, que sexa convocada polo alcalde de Pontevedra. Que razón impide a celebración dunha mesa convocada por outra administración?

Pero, ademais, agóchase no teu escrito un certo ton de “reproche” e mesmo de descualificación das nosas posicións; mesmo afirmas que nos agochamos en cuestións administrativas! nós non nos agochamos detrás de nada, o certo é que a A PDR, a pesar de non ter sido convocada á mesa e de entender que chega tarde, non pechamos a porta a participar nela; abonda con revisar na hemeroteca as nosas declaracións ao respecto para confirmalo.

O que si é certo, é que nós seguimos pensando que hai razóns para impedir a continuidade de ENCE na Ría; que houbo moitas irregularidades na resolución do expediente de caducidade da concesión da empresa, xa que existían razóns abondo para decretar a súa caducidade total, e que o procedemento de concesión da prórroga baseouse nesta resolución e nos falseados informes da Xunta e outras administracións que sosteñen a falacia de que ENCE cumpre escrupulosamente as esixencias fixadas na lexislación ambiental. E todas estas irregularidades no procedemento, deberían levar ao goberno español a revisar, pola vía administrativa ou pola vía xudicial, a decisión, decretando a caducidade de ENCE e invalidando a bochornosa prórroga de 60 anos.

En calquera caso, na APDR somos conscientes de que, sexa cal sexa a vía que leve ao fin da actividade de ENCE na Ría, terá que ir acompañada da mobilización social, unha vía que -con independencia de calquera outra que poidamos utilizar- non imos abandonar en absoluto.

Asdo.: Antón Masa, presidente da APDR

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print