A APDR denuncia o apoio da Xunta e ENCE á matanza do raposo


O 12 de xaneiro “celebrarase” en Cerdedo-Cotobade o XXVI campionato provincial de Caza do Raposo coa colaboración da Xunta de Galicia (a través da Fundación Deporte Galego, que ten como finalidade impulsar, fomentar e difundir o deporte) e ENCE, a empresa ilegal de Lourizán responsábel do deterioro ambiental e económico da nosa Ría e comarca e da eucaliptización do monte galego.

Esta “celebración-cazaría” enmárcase en Galiza con outros tres campionatos provinciais, unha copa provincial, un campionato galego, e unha copa de España, nos que se premia á cuadrilla que consiga matar o maior número de raposos no menor prazo de tempo.

Dende APDR facemos as seguintes precisións:

A xustificación de que a eliminación de raposos preserva a caza menor, non conta con ningún aval científico.

Existe abundante bibliografía científica que demostra que a caza de raposos non axuda a recuperar poboacións de coello ou perdiz, e que o seu declive vai ligado, entre outras, ás enfermidades (aspecto no que o raposo xoga un papel regulador necesario e benefactor), á sobrecaza, ás repoboacións con animais de granxa, e a cambios no hábitat como as plantacións masivas de eucaliptos e o abandono do medio rural.

E debemos destacar que tanto ENCE como a Xunta de Galicia, colaboradores destas macrocazarías, son responsábeis directos destes cambios perniciosos no hábitat galego ao potenciar un modelo forestal baseado no monocultivo do eucalipto.

Con estes campionatos, a Xunta de Galicia incumpre a Lei de Caza de Galicia e distintos convenios internacionais, xa que non contan cuns informes técnicos que garantan a finalidade de “protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os seus recursos cinexéticos de modo compatible co equilibrio natural e os distintos intereses afectados”, nin poden xustificarse nos Plans de ordenación cinexética contemplados na amentada Lei. Ademais, incumpre o compromiso de aplicar un modelo de práctica cinexética que resulte o menos lesiva para preservar a biodiversidade, recollido na “Carta Europea sobre a Caza e Biodiversidade

O raposo é un animal clave para a restauración natural dos ecosistemas polo seu papel na eliminación e procesado de cadáveres de animais e dos seus restos (que axuda a frear a propagación de enfermidades como a mixomatose do coello), no control de pragas agrícolas (ao actuar sobre os incrementos eventuais de ratos, ratas, topiños…), ata a diseminación de sementes dos froitos e bagas de plantas, árbores e arbustos dixeridos. Non se pode apostar por un rural vivo, se non se protexe á fauna clave dos ecosistemas e garante da biodiversidade como os raposos.

Estes campionatos pseudo-deportivos que permiten matar animais de xeito indiscriminado, como divertimento, carecen de ética e moralidade, entran en contradición cunha sociedade sustentábel e respectuosa co medio, e están nas antípodas da caza ordenada baseada en criterios científico-técnicos.

Para a APDR, coa súa implicación económica nestas macrocazarías, ENCE deixa ver a súa verdadeira cara, contraria á biodiversidade e á defensa do medio, e a Xunta de Galicia, por permitilo e promocionalo, atenta contra o ben común e o medio ambiente cunha dubidosa legalidade.

Ver abaixo fotos da matanza de raposos  enmascarada como “trofeos de caza” dunha actividade deportiva: