Nova derrota electoral de €NC€ !!


 

A situación vivida na comarca de Pontevedra durante a campaña electoral para as eleccións ás Cortes de Estado, na que o tema de ENCE estivo máis presente que nunca, obriga á Asociación Pola Defensa da Ría a facer unha valoración dos resultados acadados o pasado 28 de abril.

En primeiro lugar, é de destacar a enorme polarización do voto, que provocou a concentración do voto de esquerdas no PSOE fronte ao medo á volta a un pasado representado polo tripartito de dereitas. Pero esta polarización, veuse reforzada de forma fundamental na nosa comarca -e tamén no conxunto da Galiza- polas posicións doutro tripartito, a alianza ENCE-PP-CC.OO. que de forma aberta e mesmo ás veces con métodos dubidosamente democráticos, optaron polo ataque frontal ao PSOE e pola defensa de ENCE, para tratar de dar marcha atrás á decisión do Estado de facer cumprir a legalidade e anular a prórroga da concesión na Ría de Pontevedra. De forma máis patente que noutras ocasións, a campaña da dereita en Pontevedra e na Galiza, xirou arredor da defensa dos intereses da pasteira e, máis unha vez, os resultados electorais amosaron que a inmensa maioría da cidadanía da comarca opta por apoiar a aquelas opcións que defenden a saída de ENCE da Ría. O PP fixo bandeira -mesmo desde o goberno da Xunta de Galicia- da defensa de ENCE e obtivo o peor dos resultados da súa historia en Pontevedra, uns resultados que o colocan en peores condicións de saída para as próximas eleccións municipais e autonómicas, nas que a cidadanía volveremos a lembrarlle que non se pode gobernar contra o interese xeral e a legalidade vixente e a favor dos intereses privados dunha empresa que, por Lei, non pode continuar en Lourizán; pero estes resultados deixan ver tamén que CC.OO., lonxe de representar a ese voto obreiro que dicían ía sacar ao PSOE da Moncloa, representa en Pontevedra ás forzas reaccionarias e ao capital financeiro da empresa ilegal e contaminante de Lourizán, unha empresa que ten sufrido unha nova caída na bolsa (do 5 % no seu valor) como resposta aos resultados electorais.

E nesta nova situación nas cortes do estado, cun PSOE que sae amplamente reforzado, desde a APDR imos esixir que non haxa volta atrás no camiño aberto cara a un futuro libre de ENCE para a nosa Ría ao recoñeceren que tiñamos razón quen defendinmos que a prórroga de 60 anos concedida polo PP de Mariano Rajoy é ilegal e ten que seren anulada.

O saneamento e recuperación da Ría para a explotación racional dos recursos marisqueiros e das súas enormes potencialidades turísticas, é algo ao que non imos renunciar, como tampouco imos renunciar á defensa dun monte no que prime a diversificación de usos fronte ao forestal e onde o monocultivo de eucalipto dea paso a un monte no que prime a multiplicidade de especies. E estes obxectivos non van ser posíbeis en tanto ENCE non abandone Lourizán, un obxectivo que imos seguir reclamando por todas as vías ao noso alcance.