A APDR apoia a mobilización dos bateeiros polo saneamento da ría


A “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR), quere manifestar o seu apoio á mobilización proposta pola “Plataforma polo saneamento da Ría” para o vindeiro sábado 8 de xuño, día mundial dos océanos, no peirao de Combarro, unha mobilización que ten por obxectivo denunciar a contaminación das augas da nosa Ría, que inflúe de forma negativa na súa calidade e, xa que logo, na economía do sector.

Para a APDR, que vén reclamando hai tempo a necesidade de eliminar todos os vertidos directos á Ría e aos ríos que a conforman, a separación eficaz das augas fecais das pluviais en todos os Concellos, a depuración de todos os vertidos domésticos e industriais de tal xeito que as augas que cheguen á Ría cumpran, cando menos, os niveis establecidos na lexislación europea -e, de forma particular na Directiva 91/271/CE- a calidade das augas da Ría de Pontevedra dista moito de reunir as condicións esixidas para augas de baño e cultivo de moluscos. E esta realidade non se pode agachar detrás das propagandísticas bandeiras azuis aos nosos areais!

O mal funcionamento da EDAR de Os Praceres, mal dimensionada e cunha tecnoloxía que se ten demostrado hai tempo ineficaz para cumprir coas esixencias ambientais requiridas na lexislación comunitaria (unhas esixencias que se deben cumprir antes da entrada dos vertidos no emisario), a inexistencia de depuración para algúns vertidos á Ría, e o vertido de ENCE, provocan a presenza dunha forte carga de contaminación por materia orgánica, reflectida nos elevados valores de N2, P, Demanda Biolóxica de Osíxeno (DBO), Demanda Química de Osíxeno (DQO) e Sólidos en Suspensión (SS) das augas que entran no tubo emisario e unha elevadísima carga de contaminación bacteriolóxica (nomeadamente coliformes fecais e totais), unha situación que non se pode manter por máis tempo.

Desde a APDR, queremos lembrar que, froito da denuncia interposta pola nosa asociación hai xa case 20 anos diante da Unión Europea polo incumprimento da Directiva de augas residuais urbanas, pesa sobre o Estado español (e, xa que logo, sobre a Xunta de Galicia) unha sanción que as autoridades autonómicas queren evitar cun plan de saneamento que dificilmente vai resolver o problema; un plan que, entre outras cousas, propón a instalación dun segundo tubo emisario que (tal como xustificamos nas nosas alegacións) non vai resolver os problemas actuais e vai provocar novos problemas na zona de vertido, a ampliación da EDAR de Os Praceres, e o mantemento do punto de vertido do actual emisario para os vertidos de ENCE, que seguirán afectando -como teñen feito ata hoxe os domésticos e os da propia fábrica- á calidade das augas da Ría, aos polígonos de bateas Portonovo e ao borde litoral da illa de Tambo, unha incidencia que o goberno autonómico recoñece.

É evidente que na contaminación das augas da Ría hai responsabilidades compartidas entre os vertidos domésticos e os vertidos industriais, de forma moi particular -pola súa importancia cuantitativa e cualitativa- os da empresa ENCE, polo que as solucións deben considerar esta realidade; na APDR aspiramos á recuperación integral da Ría, polo que esiximos a depuración eficaz de todos os vertidos que chegan a ela e aos ríos que a conforman e a eliminación do vertido de ENCE, unha empresa para a que, coa Lei na man, ten caducado a súa concesión en dominio público o pasado 29 de xullo de 2018 e cuxo vertido é incompatíbel coa explotación racional dos recursos naturais e turísticos da Ría.

Animamos a todas as persoas que aspiran a ter unha Ría saneada e libre de contaminación, a achegarse o vindeiro sábado a partir das 11 ao peirao de Combarro e participar, de forma lúdica e festiva pero tamén reivindicativa, nesta concentración marítimo-terrestre xunto coas xentes do mar, os sectores obxectivamente interesados no saneamento e recuperación da Ría para a explotación racional dos seus recursos.