Domingo 16 de xuño: estivemos de Marcha


Grazas aos milleiros de persoas pola vosa participación na Marcha !!

Grazas aos centenares de organizacións que asinades

o Manifesto polo cumprimento da lei e na defensa dos sectores produtivos!! (fai click)

 

 

  • Ver abaixo o MANIFESTO LIDO NA MARCHA CONTRA CELULOSAS, lectura boicoteada en gran medida por ENCE ao emitir a gran volume unha cuña publicitaria mixturada co himno galego:

MOITA XENTE PEQUENA, EN LUGARES PEQUENOS, FACENDO COUSAS PEQUENAS, PODEN CAMBIAR O MUNDO!

Tomo prestadas estas palabras de Eduardo Galeano dun excelente artigo que publicaba esta semana o noso compañeiro Antón Roel, para significar que todos e todas nós, todas e todos vós, por insignificantes que nos consideremos, xuntas formamos unha forza imparábel que, máis pronto que tarde, vai conseguir mudar o rumbo deste pequeno e importante mundo que é a Ría!

Porque hoxe, e a pesar do lema que -como se dun mantra se tratase- repetían con monótona e cansina cadencia desde a fábrica de Lourizán, a pesar daquel esquecido “ELNOSA NON SE PECHA” que segue pendurado pola nosa vila como lembranza da súa derrota e da vitoria social. Hoxe, xa non se pode falar do “complexo industrial ENCE-ELNOSA” porque, tal e como anunciabamos no comunicado final da MARCHA CONTRA CELULOSAS do pasado ano, ELNOSA ESTÁ PECHADA”!

Diciamos daquela que a MARCHA DO 2019 sería a primeira sen actividade en ELNOSA e hoxe cúmprese aquel vaticinio. ELNOSA deixou de ser unha realidade en Lourizán para ser tan só unha desagradábel lembranza na nosa memoria colectiva.

E aventurámonos a dicir agora, porque estamos convencidas dilo, que é máis que probábel que a MARCHA que estamos a celebrar hoxe, sexa a última con actividade industrial na CELULOSA!

Non pecamos de optimistas se dicimos que a loita contra a presenza de ENCE en Lourizán, unha loita liderada pola ASOCIACIÓN POLA DEFENSA DA RÍA pero que ocupa unha parte importante nas aspiracións dunha inmensa maioría social da comarca, esa maioría social que representades hoxe coa vosa presenza aquí, pasa por un dos momentos máis transcendentais na súa historia.

Hoxe estamos máis cerca que nunca de conseguir o soño de recuperar o que nos foi roubado coa forza das baionetas hai 60 anos!

Froito da nosa loita constante e teimuda, hoxe temos ao noso alcance a ansiada recuperación de Lourizán e a da nosa Ría para devolverlle a súa vocación natural, para conseguir que a explotación racional dos recursos marisqueiros, pesqueiros e turísticos sexa pronto realidade. Hoxe albiscamos unha Ría libre de ENCE-ELNOSA e un futuro diversificado para o monte galego.

Porque a decisión da Dirección Xeral de Costas, avalada pola Avogacía do Estado e que supuxo a modificación do Regulamento da Lei de Costas, a decisión de non defenderse diante da Xustiza fronte aos recursos da APDR, Greenpeace e Concello de Pontevedra, non só recoñece que tiñamos razón cando denunciabamos a ilegalidade da escandalosa prórroga de 60 anos concedida a ENCE polo goberno en funcións de Mariano Rajoy, senón que abre unha fiestra a un futuro que -irremediabelmente- será sen a presenza de ENCE na Ría!

Admítese agora que tiñamos razón cando diciamos que ENCE non podía estar máis de 75 anos en terreos de dominio público e que, ademais, as prórrogas ás concesións vixentes quedaban reservadas para aquelas instalacións ou actividades que, pola súa natureza, por forza, tivesen que estar en dominio público, un suposto que non se da no caso de ENCE.

Así pois, coa Lei na man, ENCE non podería continuar na Ría máis alá de xullo do 2018, data na que caducou a concesión obtida no ano 1958.

E fronte aos que din que esta decisión pon en risco o noso futuro e vai supor a catástrofe para Galiza que vai ver o seu monte abandonado pola imposibilidade de vender o eucalipto, dicímoslle que ENCE, lonxe de ser o motor económico da comarca é o seu freo, que ENCE só merca o 50% do eucalipto que se corta na Galiza, e que as familias que hoxe venden a ENCE-Pontevedra, poderán seguir vendéndoo nas fábricas de ENCE-Navia e Navigator-Aveiro. E dicímoslle que, tal como afirman as comunidades de montes en man común, ENCE é o peor comprador de eucalipto na Galiza, que paga moito menos que outros tratantes, polo que a súa desaparición non suporía un problema de gravidade para o sector.

E fronte a quen intoxican dicindo que as bateas e as explotacións de acuicultura que están en dominio público van ter que pechar por culpa da decisión de Costas, dicímoslle que é unha absoluta falsidade, porque esta decisión non afecta a esas instalacións! As concesións ás bateas veñen reguladas pola Lei de Pesca de Galicia, o mesmo que as instalacións do sector da acuicultura en terreos de dominio público, que, ademais, poden acollerse ás prórrogas establecidas na Lei, xa que, pola súa natureza, poden estar en dominio público marítimo-terrestre.

En calquera caso, desde a Asociación Pola Defensa da Ría, esixiremos  coa nosa loita na rúa e nos tribunais de xustiza, que calquera instalación que afecte ao sector, e moi particularmente aquelas para as que a lexislación non o establece de forma clara (é o caso das depuradoras), poida acollerse a estas prórrogas en dominio público.

Somos conscientes de que haberá que agardar á resolución da Audiencia Nacional e de que hai moitas presións e intereses políticos e económicos en xogo; sabemos que a loita vai ser dura e que haberá que pelexar ata o final; pero sabemos tamén que finalmente a vitoria será nosa!

Con esta nova MARCHA CONTRA CELULOSAS esiximos a anulación definitiva da prórroga a ENCE e que se lle obrigue a abandonar Lourizán e a devolver a zona ocupada á situación que tiña cando chegaron no 1958, como esixe a lexislación. Facémolo porque entendemos que este é hoxe o punto neurálxico da nosa loita, o punto forte dunha loita que non remata coa desaparición do complexo ENCE-ELNOSA de Lourizán!

Porque o feito de centrármonos hoxe na esixencia da anulación definitiva da prórroga ilegal concedida a ENCE, non nos vai facer esquecer -non o fixemos nunca- que a nosa loita vai moito máis alá de sacar a ENCE e a ELNOSA da Ría. O saneamento integral que esiximos e polo que vimos loitando, implica a eliminación do vertido de ENCE pero, tamén, a eliminación de todos os vertidos directos que chegan á Ría e aos ríos que a conforman; a separación eficaz das augas pluviais daquelas domésticas e industriais, e a depuración de todas elas, unha tarefa para a que é preciso contar cunha rede de depuradoras eficaces e eficientes, unhas depuradoras quen de conseguir niveis de depuración que aseguren o cumprimento das esixencias comunitarias antes da entrada nos tubos emisarios. Neste sentido, e polo que fai ás augas residuais urbanas, deberán cumprir, cando menos, os niveis recollidos na Directiva 91/271/CE para DBO, DQO, SS, N2 e P e os niveis esixidos para coliformes fecais e totais.

Non nos da medo a magnitude da tarefa que temos por diante nin nos van botar atrás as voces interesadas en transmitir que só nos preocupamos polo tema de ENCE. Abonda con lembrar que a sanción que pesa sobre o Estado español polo incumprimento da lexislación comunitaria de augas residuais urbanas na Ría de Pontevedra, é froito da denuncia interposta pola nosa asociación diante da Unión Europea.

Co voso apoio, co apoio dos centos de colectivos sociais que apoiades o noso manifesto e esta MARCHA a pesares das presións e as chantaxes de ENCE, seguiremos loitando para conseguirmos todos estes obxectivos! Vaia o noso agradecemento para todos e todas vós, e dun xeito moi especial para os sectores produtivos das Rías e as comunidades de montes da Galiza pois, co seu apoio, deixan en evidencia que as mensaxes catastrofistas difundidas desde ENCE e a Xunta de Galicia son tan só un intento de intoxicación da opinión pública co que, uns e outros, pretenden manter os seus privilexios en contra dos dereitos dunha maioría social que defende o interese xeral!

POLA ANULACIÓN DEFINITIVA DA PRÓRROGA DE ENCE! POLO SANEAMENTO INTEGRAL DA RÍA!…. ENCE FÓRA DE LOURIZÁN!