A “APDR” solicita entrevista coa subdelegada do goberno


A megafonía desta furgoneta, non cesou de vomitar as “bondades” da fábrica de ENCE de maneira repetitiva, tratando de impedir escoitar o noso manifesto.

Á vista dos acontecementos ocorridos o pasado domingo 16 diante da fábrica de ENCE en Lourizán, ao remate da multitudinaria MARCHA CONTRA CELULOSAS convocada pola APDR e que contou co apoio de máis de 200 colectivos sociais, uns acontecementos que non dubidamos en cualificar de antidemocráticos e que mesmo puideran ser constitutivos de delito, a Asociación Pola Defensa da Ría ten solicitado unha entrevista coa Subdelegada do Goberno en Pontevedra.

Como se lembrará, ao remate da mobilización, desde as instalacións fabrís de ENCE, activouse unha potente megafonía (instalada nunha furgoneta nas inmediacións da porta de acceso á fábrica) que, de forma reiterativa, emitía o Himno da Galiza e consignas publicitarias co único fin de non permitir o normal desenvolvemento dunha manifestación que contaba cos permisos legais necesarios para levarse adiante

Desde a APDR preguntámonos se a dotación da policía nacional que se encontraba presente nas inmediacións da fábrica, que foi testemuña directa dos feitos e que, ademais, foi requirida polo presidente da nosa asociación para que impedira a ENCE continuar coa súa actitude provocadora, ten levantado algún atestado ou interposto denuncia, xa que os feitos perturbaron de forma grave o desenvolvemento da manifestación imposibilitando a lectura do manifesto final da mesma, e mesmo puideron provocar graves altercados, que non se produciron grazas á actitude cívica e pacífica das persoas que estaban exercendo o seu dereito a manifestarse, que lonxe de respostar ás continuas provocacións de ENCE e os seus traballadores, evitaron que un reducido grupo de persoas reaccionase de forma airada.

A análise desta situación, que ao noso entender require dunha resposta por parte das autoridades gubernativas, vai ser o principal obxecto da entrevista coa Subdelegada do Goberno, sen descartar tampouco que se poidan abordar outras temáticas relacionadas coa presenza de ENCE na Ría e da situación actual dos terreos que ocupaba ELNOSA ata o pasado ano.