Resposta da APDR ao comunicado de Ence


Evidentemente, na APDR agardabamos unha resposta de ENCE na liña do comunicado emitido para tratar de neutralizar a información que dimos a coñecer en rolda de prensa e coa que denunciabamos a utilización fraudulenta de aceites usados en ENCE-Pontevedra; é o xeito no que sempre ten actuado a dirección da fábrica de pasta de papel. Tratan de defenderse con frases grandilocuentes sobre o “cumprimento estrito da lexislación”, as mesmas que utilizaban de forma sistemática cando foron acusados pola nosa Asociación pola comisión dun delito ecolóxico e de danos na saúde das persoas; claro, daquela a táctica serviu só ata que se probou -cunha condena inapelábel- que tiñamos razón en ámbalas dúas denuncias!

Temos que admitir, en calquera caso, que chaman a atención algunhas das afirmacións vertidas neste último comunicado. Así, cando afirman que cumpren a normativa APM/205/2018 e que “esixen aos seus fornecedores un certificado que avale que respectan os requisitos establecidos por esta normativa”, están a admitir de forma explícita que utilizan aceites nos seus procesos de combustión, por máis que pretendan “cubrirse as costas” dicindo que se trata de “aceites procesados”. Están a recoñecer que incumpren a AAI, que prohibe (páxs. 15 e 59 da Resolución da DXCACC Nº 2004/0286_NAA/IPPC_162, do 28-9-2018) a utilización destes combustíbeis!

Agardamos que fagan públicos os datos relativos ás cantidades de aceites “supostamente procesados” que mercan anualmente; a relación dos seus fornecedores, e mesmo eses certificados facilitados por cada un deles. E deberían dar a coñecer tamén en que fase do proceso industrial queiman estes aceites! Que nós saibamos, no proceso produtivo de ENCE en Pontevedra, só se produce combustión en 3 instalacións (Caldeira de recuperación, Fornos de cal e Caldeira de biomasa), e en ningunha delas están contemplados os aceites como combustíbeis, tal como se recolle na AAI revisada en setembro do 2018 e citada no parágrafo anterior!

Afirman que en ENCE levan un “control rigoroso” de todos os seus focos de emisión, que son “monitorizados cada segundo por medidores calibrados por unha empresa acreditada”, pero agochan interesadamente que -no que fai ás instalacións de combustión- nestes controis só se miden os compoñentes que -como indicamos na nosa rolda de prensa- se poden atopar nas materias primas ou combustíbeis convencionais (Partículas, SO2, NOx, SH2, CO e O2) pero non os que habería que controlar cando se usan aceites coma combustíbeis.

E teñen o descaro de citar como aval do control da calidade das súas emisións a existencia dunha cabina da Xunta de Galicia en Campolongo cando saben que nesa cabina non se recollen datos da súa contaminación! E así o fai explícito Meteogalicia cando di que “o seu emprazamento elixiuse tras comprobar que a zona era idónea para avaliar as achegas do sector doméstico e residencial, incluíndo o tráfico rodado da cidade”. Sen comentarios!

E, sinceramente, debería darlle vergoña dicir que ENCE ten dúas cabinas propias no Areeiro e Campelo para “reforzar o control da calidade do aire”, porque esas dúas cabinas (que só miden Partículas, SO2 e SH2 e, no caso de Campelo, tamén O3 e NOx) están situadas de tal xeito que dificilmente poden recoller as emisións procedentes da fábrica. Abonda con dicir que a Xunta de Galicia, na revisión da AAI xa amentada, indica que “a estación de Campelo deberá trasladarse por non ser representativa da influencia da actividade da instalación con respecto á saúde da poboación”, e da un prazo de 3 meses (que rematou a finais de decembro do 2018) para realizar este traslado. Trátase dun caso máis do modélico comportamento de ENCE ou doutra mala práctica empresarial? Quen retorce a realidade? Quen recorre á falsidade e á mentira?

Xa por último, agardamos que ENCE emprenda as medidas legais que considere oportunas; están no seu dereito e, sen dúbida, será unha magnífica oportunidade para demostrar con datos e non con frases feitas que temos razón. En calquera caso, pola nosa banda, seguiremos os plans que tiñamos trazados e que presentamos hoxe aos medios de comunicación.

Ver http://www.apdr.info/wp/2019/07/18/a-planta-de-ence-queima-en-pontevedra-18-000-toneladas-de-aceite-usado-contaminante/ coa súa nota de prensa, a súa Infografia e o seu Dossier denunciando esta situación: ENCE, paradigma de malas prácticas empresariais!