A “APDR” denuncia novos vertidos na Ría


Un novo vertido, que polo seu aspecto escumoso e marrón fai pensar que se poida tratar de augas residuais urbanas, deixouse ver nestas últimas datas na nosa Ría, na zona de As Corvaceiras. Aportamos algunhas fotografías que dan unha idea das súas características. E aínda que descoñecemos a procedencia do amentado vertido e a súa composición, desde a APDR queremos denunciar esta nova agresión ás augas da nosa Ría, agresións que se veñen repetindo de forma sistemática desde hai tempo ao longo das beiras do Lérez e do río Gafos e que deixa ver que o saneamento da nosa Ría (da que forman parte os ríos que a conforman) dista moito de seren o que debera.

Desde a APDR, que recoñece que o tratamento das augas residuais na nosa vila ten mellorado verbo doutras situacións anteriores, onde a elevada contaminación provocaba mortaldade de peixes en canto se daban situacións de elevadas temperaturas e baixo caudal do Lérez, temos que chamar a atención sobre a necesidade de resolver, de forma definitiva, os problemas dos vertidos aos nosos ríos e á Ría. Porque, mentres se sigan producindo situacións como as que denunciamos hoxe, mentres sigan existindo vertidos incontrolados aos ríos e á Ría, mentres sigan existindo vertidos domésticos ou industriais sen depuración ou cunha depuración deficiente, mentres as redes do saneamento segan tendo problemas e as depuradoras non consigan que as augas que verten á Ría acaden os límites legais esixidos, o saneamento da Ría seguirá sendo parcial e a calidade das súas augas seguirá sen reunir as condicións esixíbeis para os cultivos mariños e para o baño.

Xa por último, esiximos que se investiguen estes feitos, se localice aos seus responsábeis impóndolle as sancións dispostas para estes casos, e se tomen todas as medidas necesarias para que vertidos coma este non se volvan repetir.