27 de setembro. Pontevedra mobilízase polo clima


O mércores 18 creouse en Pontevedra o *grupo local coordinador da Mobilización Mundial polo Clima (Pontevedra polo Clima), asumindo o Manifesto do Movemento Galego polo Clima, que xurde en Galiza como resposta á convocatoria de mobilización mundial feita polo movemento xuvenil Fridays For Future (en Galicia: Xuventude polo Clima), co obxectivo de sair á rúa a reclamar accións urxentes que fagan fronte á mudanza climática e que garantan un futuro para as xeracións máis novas, como punto de partida, e cos seguintes acordos:

  • Mandar o Manifesto do Movemento Galego polo Clima aos concello de Pontevedra e bisbarrra para o seu debate e aprobación, no seu caso, nos plenos municipais.
  • Convocar a mobilización mundial do día 27 de setembro en Pontevedra:
    • Concentración estudiantil ás 12h na Praza España (fronte a Subdelegación do Goberno), entregando no rexistro da Subdelegación o Manifesto do Movemento Galego Polo Clima dirixida aos distintos concellos do entorno e a Deputación Provincial de Pontevedra. (Ao remate xuntarase coa concentración convocada pola redes da UNESCO na Praza da Peregrina)

    • Manifestación ás 20h con saída da Praza da Ferreiría  e remate na Praza da Peregrina

* Relación dos grupos sociais e sindicais que impulsaron e apoiaron inicialmente a creación da iniciativa en Pontevedra a favor do Manifesto do Movemento Galego Polo Clima: desde o ámbito de estudantes (Fridays For Future -Xuventude de Pontevedra polo clima-), ecoloxista (APDR, Greenpeace, …), centros sociais (C.S. O Quilombo), sindicalista (CXT, Sindicato Pontevedra libertaria), inclusión social (Inclusión Activa Boa Vida), artesan@s (Asociación de ceramistas de Pontevedra “Arxilarte”), feminista (“Zeivas” Colectivo feminista), de defensa do territorio (Defende o Monte Pituco), de defensa da lingua (Queremos Galego Marín)

O Manifesto do Movemento Galego polo Clima (asinado por maís de 70 entidades e colectivos galegos) apoia o chamado de acción da xente nova ante a situación de Emerxencia Climática que vive o planeta enteiro, e particularmente Galiza. É por iso para afontar este reto, ten presente cales son as causas que máis están alentando o quecemento global no noso país e cales son as medidas que poderían evitar as consecuencias drásticas para o noso territorio e para o pobo galego no seu conxunto.

Ver abaixo as distintas convocatorias galegas para o 27 de setembro e o Manifesto do Movemento Galego polo Clima:

27 DE SETEMBRO, MOBILIZACIÓN GLOBAL POLO CLIMA

MANIFESTO MOVEMENTO GALEGO POLO CLIMA

Estamos diante dunha crise climática que é consecuencia directa do modelo de produción e consumo impulsado por determinadas prácticas do sistema capitalista actual. Estas prácticas depredadoras dos recursos, os territorios, os ecosistemas e mesmo as persoas, afectan de xeito máis negativo ás poboacións máis pobres e vulnerables por todo o planeta, así como ás culturas que as sustentan; todo iso co obxectivo de manter a acumulación de riqueza e o modelo produtivo baseado no crecemento continuo. Estes comportamentos lonxe de resolver problemas teñen provocado o inicio da sexta extinción masiva de especies, contaminado de plásticos os océanos, arrasado territorios con proxectos de megaminaría, contaminado ríos, desecado lagos, exterminado a biodiversidade e implantado monocultivos entre outros efectos negativos. Mais as prácticas insostíbeis de crecemento continuo teñen, sobre todo, emitido millóns de toneladas de CO2 á atmosfera até provocar o incremento de temperatura global, ao mesmo tempo que se gastaron de xeito absurdo a maioría dos recursos enerxéticos fósiles.

As inxentes emisións que se teñen feito desde o inicio da revolución industrial provocaron que o equilibrio climático e natural do noso planeta se rompese. Así é, que hoxe temos que falar máis de emerxencia climática que de cambio climático. O incremento do nivel do mar non é un prognóstico catastrófico para o futuro e xa unha realidade que ten provocado a desaparición de 5 illas no arquipélago de Salomón no Océano Pacífico. En Galiza, o incremento da temperatura global está a provocar a desaparición de especies animais e de plantas autóctonas, así como a invasión e proliferación doutras que antes non existían nos nosos ecosistemas; como son o caso da avespa velutina ou o xurelo canario.

Nas nosas rías hai actualmente milleiras de toneladas de auga máis. Isto provoca maior incidencia dos fenómenos negativos asociados ao efecto das mareas e das tormentas. Ademais de non ficar o incremento da temperatura global por baixo dos 1,5 ºC o crecemento do nivel do mar asociado a este fenómeno fará que parte das cidades de A Coruña, Vigo, Ferrol e Pontevedra fiquen inundadas de xeito permanente pola auga do mar. Outro tanto vai suceder coa maioría das vilas (Betanzos, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas, ..) situadas no litoral galego.

A humanidade consome cada vez máis cedo os recursos que o planeta é capaz de producir ano a ano. O pasado 29 de Xullo a humanidade consumiu todos os recursos que o planeta é capaz de producir en todo o ano 2019. Este 29 de Xullo é a data máis tempera, desde que se veñen realizando estudos da pegada ecolóxica. Este dato indica que a humanidade precisaría de 1,75 planetas para pode manter o consumo actual en equilibrio co propio planeta. A actitude depredadora dos recursos está moi asociada ao actual concepto de progreso e modernidade instalado en occidente desde o sistema educativo e os medios de comunicación, que non dubidan en tratar como atrasado ou radical ás posturas ecoloxistas e de defensa do territorio. Cómpre tamén, sinalar que a nosa sociedade occidental pertence ao 20% da humanidade que consume o 80 % dos recursos do planeta. Este consumo desmedido e irracional tradúcese nunha forte insolidariedade norte-sur que ten como consecuencia a emigración masiva por motivos climáticos, alimenticios e da extrema violencia que provoca as consecuencias derivadas do cambio climático e as prácticas insostibles de esquilmación global dos recursos. A situación de emerxencia na que estamos instaladas non é produto dos últimos meses, nin sequera dos últimos anos, senón que o é de décadas. Décadas nas que se ignoraron informes e advertencias de incontables estudos elaborados polo mundo científico e nos que se alertaba sobre as consecuencias irreversibles do cambio climático e o colapso ecolóxico. Hoxe, enfrontámonos a unha emerxencia sen antecedentes na historia da humanidade, está ameazada a continuidade da propia civilización. Cómpre lembrar que no ano 1972 se publicou o estudo: “Os límites do crecemento do Club de Roma”.

Desde o Movemento Galego polo Clima entendemos que é hora de sumarse de xeito inmediato a un cambio global de modelo e de paradigma; asumido que non é posible o crecemento continuo nun planeta de recursos limitados como non o é permanecer impasibles diante da emerxencia climática e ecolóxica na que se atopa sumido o noso planeta. Entendemos que os tempos das ambigüidades e das palabras faltas de contido foron superados polas consecuencias e os datos incuestionables que xa todos e todas percibimos no noso día a día. Esiximos medidas concretas para alcanzar as cero emisións netas de gases efecto invernadoiro antes de que se dea unha situación irreversible. Evitar que a temperatura global se eleve por encima dos 1,5 ºC debe ser unha prioridade para a humanidade na que nós, como galegos e galegas, temos que participar, facendo os cambios precisos no noso xeito de vivir e pondo fin ás actividades que contribúen de xeito máis que evidente a manter está situación que pon en perigo a mesma supervivencia da humanidade.

Desde o Movemento Galego polo Clima demandamos aos gobernos e medios de comunicación que se diga a verdade sobre a situación actual, que se admita a diagnose, indicacións e sendas de redución reflectidas no último informe sobre os 1,5ºC avalado pola comunidade científica. Faise preciso recoñecer a fenda existente entre os compromisos do estado español e as indicacións científicas.

Desde o Movemento Galego polo Clima esiximos que se declare a emerxencia climática e xunto coa mesma se asuman compromisos reais e vinculantes que permitan a redución a cero neto da emisión de gases de efecto invernadoiro para non superar os 1,5ºC.

Desde o Movemento Galego polo Clima defendemos a necesidade de abandonar os combustibles fósiles camiñando cara a unha redución do consumo da enerxía e pasando a usar fontes renovables de produción da mesma, sen que isto signifique a destrución do territorio mediante a implantación de monocultivos ou outras prácticas lesivas co entorno natural.

Desde o Movemento Galego polo Clima esiximos aos gobernos as medidas políticas e económicas necesarias para o mantemento dos postos de traballo das empresas que de xeito directo ou indirecto son as principais causantes das emisións de gases efecto invernadoiro por ser consumidoras masivas de enerxía ou por usar nos seus procesos produtivos recursos fósiles. Para alcanzar os obxectivos perseguidos en Galiza faise urxente o peche da térmica de As Pontes que produce o 25% das emisións totais galegas. O peche non pode supoñer, unha vez máis, que sexa a clase traballadora a que pague as consecuencias, e polo tanto, reclamamos aos gobernos a creación de planos sociais para facer a necesaria transición enerxética de xeito xusto.

Desde o Movemento Galego polo Clima somos conscientes que as consecuencias da mudanza climática tamén teñen un sesgo de xénero. Son as mulleres as que máis pagan as súas consecuencias negativas, como o é a violencia asociada a situacións extremas ou que até o 80% das persoas desprazadas por causas climáticas sexan mulleres. As consecuencias derivadas do cambio climático tamén incrementan as desigualdades por razón de xénero. Desde o Movemento Galego polo Clima entendemos que se fai imprescindible que na pilotaxe para o cambio de sistema e de paradigma para frear a mudanza climática estean presentes mulleres e se tomen medidas con perspectiva de xénero.

Desde o Movemento Galego polo Clima entendemos que proxectos como a Mina de Touro e de Frades-Mesia, parques eólicos en zonas protexidas como o de Iribio, o monocultivo do eucalipto e a permanencia de ENCE na Ría de Pontevedra, as políticas agrarias que abocan as persoas labregas e gandeiras a modelos industriais de produción e polo tanto á correspondente contaminación por exceso de concentración e explotación, a sobre-explotación das nosas rías e mar e a súa contaminación por todo tipo de elementos nocivos para a vida, os macrovertedoiros semiilegais da Xunta, a contaminación por lindano, a contaminación por plásticos dos nosos territorios e mesmo dos nosos alimentos, os incendios forestais, a especulación urbanística, etc. Son, sen dúbida, exemplos dos despropósitos ambientais a que nos abocan as prácticas insostibles que provocaron a actual emerxencia climática e que, ademais, contribúen a esta.

Desde o Movemento Galego polo clima esiximos ao Goberno Central, a Xunta de Galiza, Deputacións e Concellos que:

1º.- Comecen a dicir a verdade e que asuman a emerxencia climática como un grave problema para o conxunto da sociedade, da biodiversidade e o mantemento da vida, e non como un novo nicho de oportunidades económico-empresariais.

2º.-Se declare a emerxencia climática e se elabore a correspondente lei coa participación activa de ONGs e sociedade civil.

3º.- Se tomen medidas reais e efectivas de eliminación de emisións de gases efecto invernadoiro para que as distintas administración sexan un exemplo para o conxunto da sociedade.

4º.- Que non se dea por perdida a batalla contra a mudanza climática fomentando propostas de adaptación ao incremento da temperatura por enriba dos 1,5ºC.

5º.- A toma de acordos e medidas amparadas coas súas correspondentes partidas orzamentarias para loitar de xeito efectivo contra os distintos focos de contaminación dos ecosistemas, maiormente as emisións de CO2.

6º.- Cambio na política forestal como medida para previr os incendios que serán mais graves polo cambio climático.

7º.- Medidas para unha maior eficiencia no uso da auga, que será máis escasa cando máis necesaria é (secas).

8º.- Política agraria que favoreza a soberanía alimentaria con base a produtos de proximidade e sustentábeis, particularmente vexetais e de horta.

9º.- Construción e rehabilitación de vivendas con conceptos bioclimáticas e de consumo nulo para adaptación no só ao cambio climático senón tamén escaseza de enerxía.

10º.- Educación ambiental e sensibilización da sociedade a través dos colectivos sociais activos e máis concienciados favorecendo a autonomía, capacidade de decisión e co-responsabilidade de cada sociedade.

Ver web do Movimento Galego polo Clima: https://movementogalegopoloclima.wordpress.com/