Non votes a quen defende a presenza de ENCE na nosa ría!


Diante da nova convocatoria electoral do próximo domingo, na Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) queremos chamar a atención sobre algúns aspectos que calquera persoa que estea comprometida na defensa da Natureza, do medio ambiente e da saúde e calidade de vida, debera considerar antes de exercer o seu dereito ao voto.

A actual situación de emerxencia climática require da toma de decisións urxentes, tanto a nivel mundial coma no Estado Español e no noso entorno máis local. E aínda que son moitas as causas que teñen que ver co cambio climático na nosa comunidade, na nosa comarca este problema vén moi marcado pola presenza de ENCE en Lourizán.

Dunha banda, a presenza da fábrica de ENCE na nosa Ría provoca emisións de gases de efecto invernadoiro, tanto nos seus procesos de produción de pasta de papel coma coa ilegal queima de aceites usados na planta de biomasa; doutra, coa eucaliptización dos nosos montes e de moitas terras de cultivo e pastos, un proceso que ten na presenza de ENCE a súa principal razón e que é principal responsábel das continuas vagas de incendios forestais, que teñen unha forte incidencia tamén nesta emisión de gases de efecto invernadoiro e, xa que logo, no cambio climático.

E non debemos esquecer tampouco que ENCE está a provocar, cos seus vertidos á Ría, efectos moi negativos para a explotación racional do marisqueo e no sector turístico, impedindo a posta en práctica dun modelo económico que permita a creación de postos de traballo de calidade.

Porque, lonxe do que afirman os seus directivos, ENCE non é o motor económico da comarca de Pontevedra, senón o seu freo.

E tampouco debemos esquecer que ENCE actúa tamén como freo para o desenvolvemento dos nosos montes, xa que imposibilita a diversificación de usos e a explotación doutras especies forestais de maior valor engadido que non só suporía o medre no número de postos de traballo de calidade, senón tamén maiores ingresos no sector.

Así pois, por todas estas razóns, animamos á cidadanía a seren consecuentes e a non dar o seu voto a ningunha candidatura que aposte pola continuidade da fábrica de ENCE na nosa Ría.