Venres 8 de novembro: concentración diante da Audiencia Provincial contra a ampliación da depuradora


A “Asociación Pola Defensa da Ría” de Pontevedra (APDR), apoiamos a concentración do venres 8 de novembro ás 20 horas diante da Audiencia Provincial,  convocada pola “Plataforma NON Á AMPLIACIÓN DA DEPURADORA DE OS PRACERES” de Lourizán.

Para a APDR, o saneamento da Ría precisa dun plan moito máis ambicioso e que podería evitar a ampliación proposta, un plan que, de levarse a cabo, non requiriría de dita ampliación que a Xunta de Galicia prevé iniciar en 2021. Desde a APDR temos alegado no seu día por considerar que non vai resolver o problema dos vertidos á Ría, obxectivo supostamente perseguido. En calquera caso, participaremos na consulta da AIA agora proposta e agardamos á preceptiva exposición pública do anteproxecto para a ampliación da actual EDAR para, daquela, expresar as nosas posicións concretas sobre tal proxecto.

En todo caso, para a APDR, un saneamento integral da ría debería:

– Evitar a entrada á EDAR de augas que non deberían chegar a ela (as pluviais e as da Ría), e buscar alternativas para as procedentes de Poio, Vilaboa, o polígono do Campiño e o porto.

– Adoptar unha tecnoloxía que, sen ocupar grandes superficies de terreos, permita garantir que as augas que saen da EDAR de Os Praceres cumpran -á entrada do emisario- as esixencias da Directiva 91/271/CE para materia orgánica (DBO, DQO e SS) e para nutrientes (N2 e P) e a lexislación para augas de cultivos mariños e de baño, cuxo incumprimento provocou a sanción actual ao estado español como resposta á denuncia presentada pola nosa asociación. Ao noso entender, cumprir ditos obxectivos á entrada do emisario pódese conseguir sen a ampliación proposta.

–  Eliminar o vertido da empresa ENCE, e, namentres non se produza a súa saída da Ría, non concordamos coa necesidade de dous emisarios; optamos por un emisario único que recolla os seus vertidos e os domésticos establecendo, tal coma esixe a lexislación, un control estrito dos parámetros de vertido de cada un dos efluentes.

Por outra banda, destacamos dúas temáticas que a Xunta de Galicia non contemplou no seu plan de saneamento: a evidencia da progresiva subida do nivel do mar nesa zona, esquecendo a situación actual de emerxencia climática, e a tamén inevitábel saída de ENCE da Ría, que debería supoñer a recuperación deses terreos para uso e desfrute da cidadanía.

Animamos a toda a cidadanía da comarca de Pontevedra a asistir á Concentración convocada pola “Plataforma NON Á AMPLIACIÓN DA DEPURADORA DE OS PRACERES”, e a esixir uns plans de saneamento que sexan algo máis que un intento de xustificar inversións diante da Unión Europea e frear a sanción imposta desde instancias comunitarias, sen afrontar os problemas reais da nosa ría.

♦ Ver tamén:

A EDAR de “Os Praceres” e o saneamento da ría