Participamos na asemblea do Movemento Galego polo Clima


Ver fotos do encontro no facebook da APDR

Dende a Asociación Pola Defensa da Ría, asinante do manifesto e impulsor do Movemento Galego polo Clima, participamos na súa asemblea do 11 de xaneiro, celebrada na Casa do Matadoiro de Santiago de Compostela, cara a acordar as seguintes liñas de accións e retos para os vindeiros meses:

1. Elaboración dun novo manifesto para o 2020 con propostas reais e efectivas na loita contra o cambio climático. Dar unha resposta desde o ecoloxismo e os movementos sociais á situación de emerxencia climática, ecolóxica e social na Galiza, tomando como referencia o manifesto do 2019. Este novo manifesto constituiría unha folla de ruta para lograr unha transición enerxética, así como do modelo produtivo, industrial e de consumo galego que permita unha transformación ecosocial xusta da Galiza.

 

2. Elaboración dun decálogo con medidas e propostas ambientais desde o ecoloxismo para as eleccións autonómicas do 2020 seguindo o marco estabelecida no novo manifesto agora en elaboración.

 

3. Facer un chamamento a máis colectivos e entidades sociais e ambientais do país para integrarse dentro do Movemento Galego polo Clima. Unha base social ampla é un dos retos a acadar neste 2020.

 

4. Celebración dun encontro nacional do MGpC en verán con palestras, obradoiros e concertos, etc. Este encontro constituiría un espazo para o aprendizaxe colectivo e as sinerxías co fin de consolidar o movemento ecoloxista galego e dar visibilidade á importancia de actuar de xeito conxunto na loita contra cambio climático.

O Movemento Galego polo Clima, naceu en 2019 artellando a máis de 80 organizacións ao redor dun manifesto pola emerxencia climática e cara ás mobilizacións de setembro de 2019, nas que participaron milleiros de persoas. O MGpC tamén estivo presente na gran manifestación que percorreu Madrid co motivo do Cumio Climático.

Compartir:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter