ENCE-Pontevedra, unha fábrica insolidaria.


En plena crise provocada pola presenza do coroavirus COVID-19, que pon en xaque a saúde do conxunto da poboación e que obrigou ao goberno do estado a adoptar medidas moi drásticas que inclúen o actual “estado de alarma” e, xa que logo, o peche de toda aquela actividade industrial e comercial que non sexa estritamente necesaria para a loita contra o virus, unha actividade que foi debidamente identificada, e mesmo o confinamento da poboación nas súas casas por ser esta unha medida imprescindíbel no combate contra o virus, a fábrica de ENCE en Pontevedra fai gala de non pechar a produción.

Esta actitude, que demostra mais unha vez a falta de respecto de ENCE polos problemas que afectan ao conxunto da cidadanía, que se traduce sempre na defensa do seu exclusivo interese fronte ao interese xeral, resulta -ao noso entender- inexplicábel e inaceptábel. Cando o comercio local, as pequenas empresas, os autónomos, e mesmo empresas que -coma as do sector do automóbil- teñen un peso infinitamente superior na nosa economía que a fábrica de Lourizán, teñen respondido ao chamado en defensa da saúde e a vidas das persoas, ENCE mantén a súa actividade pondo en risco a saúde dos seus traballadores e a do conxunto da poboación da comarca. Claro que ENCE ten demostrado en moitas ocasións o pouco que lle preocupan os seus traballadores! Abonda con lembrar aquela irresponsábel declaración en resposta á decisión do goberno de achantarse ao noso recurso contra a prórroga: “Se temos que saír de Lourizán, iremos fóra do Estado español, onde a man de obra e o prezo da madeira sexa menor”!

Pero resulta igualmente lamentábel que os traballadores de ENCE apoien a decisión da empresa pasteira para “evitar a posíbel perda dos seus postos de traballo”, un risco que asume o conxunto da clase traballadora neste país en aras ao ben común; a falta de solidariedade dos traballadores de ENCE co resto dos traballadores e traballadoras da comarca tense manifestado en numerosas ocasións ao longo da historia da fábrica de pasta de papel; porén, nesta ocasión resulta moito menos xustificada esta actitude, pois, con ela, están a por en perigo a saúde e as vidas das persoas da súa contorna! Facemos un chamado aos sindicatos e aos traballadores de ENCE para que modifiquen esta situación e, actúen solidariamente co resto da clase traballadora obrigando á empresa a decretar o fin da produción en tanto se manteña esta situación de crise; e deberan saber que, contrariamente ao que din no seu comunicado, de acordo co establecido polo goberno, os postos de traballo e a “cobranza” deberán garantirse en tanto se manteña esta situación, unha situación da que, esiximos desde xa, non se poderá saír facendo recaer os custes económicos e sociais sobre as clases máis desfavorecidas desta sociedade, garantindo os postos de traballo e as axudas ás pequenas e medianas empresas e a quen traballan autonomamente.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print