ENCE segue a agochar os seus escapes!


Na Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) temos recibido ao longo destas últimas datas multitude de chamadas que desde diferentes zonas da capital e, principalmente, desde a parroquia de Lourizán, denunciaban os cheiros nauseabundos -e mesmo nalgún caso as dificultades para respirar- unha situación que sen dúbida tiña a súa orixe na fábrica de ENCE en Lourizán. A situación de confinamento que estamos a vivir impediunos ter coñecemento puntual destas chamadas ata a tarde de onte día 30 de abril, no que -grazas a un correo electrónico enviado por unha destas persoas á nosa asociación- tivemos coñecemento delas e da problemática que estaban a denunciar. Recabando información entre as persoas que fan parte da APDR, puidemos confirmar que moitas delas tiñan percibido eses fortes cheiros, tanto o día 30 coma nos dias precedentes.

Confirmada a noticia, chamamos -sen éxito!- en varias ocasións á fábrica, a SOS-Galicia (que non pode facilitar esa información por vía telefónica!) e á policía local de Pontevedra, que non tiña recibido ningunha comunicación por parte de ENCE,…. unha situación que se vén repetindo sempre que hai algún tipo de problema na factoría de Lourizán!

A fábrica de ENCE, que presume da súa responsabilidade social e pregoa día si día tamén as súas “bondades medio ambientais” aos catro ventos (entre outras a de ter logrado practicamente o “nivel cero de emisións olorosas”!), actúa cun absoluto desprezo pola cidadanía e pola lei cando xorde calquera problema no seu proceso industrial, aínda que este poida provocar un dano na saúde das persoas ou no medio; non só non dubida en continuar coa produción como se nada tivese pasado, senón que non adica sequera un segundo do seu tempo a informar da situación á cidadanía e ás autoridades competentes, tal como lle obriga a Lei!

Evidentemente, na APDR descoñecemos a magnitude do problema que poida ter ocorrido nesta ocasión en ENCE e, xa que logo, as consecuencias no medio; en calquera caso, as experiencias vividas en ocasións anteriores, permítennos poñer no peor dos escenarios; neste sentido, e con toda a cautela do mundo, preguntámonos: terá algo que ver o máis que posíbel mal funcionamento nas instalacións da fábrica de Lourizán coa presenza de peixes mortos nas augas da Ría, unha mortaldade que nos veñen de comunicar hai uns momentos?

Desde a APDR, esiximos unha explicación convincente por parte da empresa que xustifique o sucedido, unha explicación que deberá aportar os datos de concentración dos distintos contaminantes emitidos á atmosfera e ás augas da Ría ao longo das 24 horas dos dias 28, 29 e 30 de abril e 1 de maio; que por parte das autoridades locais, provinciais e autonómicas se abran os correspondentes expedientes de investigación e, de seren o caso, se tomen as medidas oportunas para sancionar un posíbel comportamento neglixente.

Xa por último, queremos agradecer a todas aquelas persoas que, dun ou doutro xeito e a pesar do estado de confinamento que estamos a vivir, téñense posto en contacto coa nosa asociación para nos informar dunha situación que, do contrario, tería pasado inadvertida para unha boa parte da poboación; a súa confianza na Asociación Pola Defensa da Ría fai que nos sintamos reforzados na nosa loita polo saneamento e recuperación da Ría e a calidade de vida e a saúde das persoas, uns obxectivos que son incompatíbeis coa permanencia da fábrica de ENCE en Lourizán.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print