ENCE: TOCADO “DESTROYER”!


Cando nos tempos mozos xogabamos aos “barcos”, tocar a un “destroyer” era antesala do seu mais que seguro afundimento; e esa foi a sensación que tiven hoxe cando vin que -máis unha vez- tiñamos “tocado ao destrutor” da Ría na súa liña de flotación. O barco de ENCE, a pesar dos seus apoios políticos na Xunta do PP, estaba tocado polo barquiño de papel da APDR!

Días pasados, soubemos pola veciñanza de Lourizán que os niveis de ruído na fábrica de ENCE estaban sendo moi superiores aos de situacións anteriores e que, se sempre foron molestos para a vida cotián na zona, agora tiñan chegado a límites dificilmente soportábeis.

Enviada nota aos medios, e presentada con posterioridade denuncia no Concello de Pontevedra, hoxe os responsábeis de ENCE admiten problemas no proceso produtivo e a emisión dos niveis de ruído denunciados, por máis que pretendan minimizar o que chaman “fallo técnico puntual e fortuíto” a un episodio de “menos de una hora de duración” o domingo día 5. E “pide disculpas por si dicho ruído causó alguna molestia”… Iso si, pide desculpas dous días despois da data na que di terse producido o problema e só despois de saber que a APDR tiña denunciado a situación!

Pero o caso é aínda máis grave! A nota de prensa na que denunciabamos as queixas veciñais, foi redactada o día 3 de xullo e enviada aos medios de comunicación o día 4. Quérese dicir que, como pouco, os ruídos “superiores aos normais” que provocaron as amentadas queixas -e que a empresa admite- tivéronse que producir o día 3 ou con anterioridade a esa data e, xa que logo, que os responsábeis de ENCE están a mentir!

E preguntámonos na APDR se ENCE ten comunicado esta incidencia á Xunta de Galicia (algo ao que está obrigada pola AAI) e ao Concello de Pontevedra, unha comunicación que -de non seren obrigada- deberían ter feito como proba da súa responsabilidade social empresarial. Claro que a estas alturas xa ninguén pode acreditar nas declaracións de ENCE cando asegura que a súa principal preocupación é polo entorno e a veciñanza!

Agardemos que, como no xogo, a denuncia interposta no Concello -e a que poida vir pola vía xudicial- axuden a que o “destroyer” agora tocado, pase en breve á situación de afundido!

ENCE preséntase ás eleccións ao parlamento galego nas listas do PP, Ciudadanos e Vox! Non votes a súa permanencia en Lourizán!

Ver: http://www.apdr.info/wp/2020/07/05/a-apdr-denuncia-elevados-niveis-de-ruido-na-fabrica-de-ence/

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print