ENCE obrigada xudiacialmente a solicitar licenza municipal por obras


En numerosas ocasións (e dun xeito máis frecuente nos últimos anos), a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) ten denunciado a realización de obras no recinto fabril de ENCE, ao sospeitar que as amentadas obras carecían da preceptiva autorización municipal. En todos os casos dirixímonos ao Concello de Pontevedra e esiximos que, de se confirmar a inexistencia da licencia, se procedese á paralización das obras e á imposición da correspondente sanción; a nosa sospeita foi confirmada en todos os casos denunciados, porén, e mesmo naqueles casos nos que o Concello ordenou a paralización das obras, ENCE fixo caso omiso, rematándose os expedientes coa finalización das obras por se tratar en moitos casos de “obras legalizábeis”.

En calquera caso, unha das obras denunciadas por nós en maio de 2018, por modificacións nos edificios das caldeiras, nas oficinas e noutros edificios adxacentes, e polo seu recubrimento con madeiras co obxectivo de disimular a verdadeira cara da fábrica, tivo un resultado diferente. Logo da oportuna inspección, o Concello paralizou as obras por carecer da licenza e ENCE, coa prepotencia que lle caracteriza -alimentada polo comportamento submiso das administracións gobernadas polo PP- recorreu a orde de paralización pola vía xudicial, recurso que vén de ser desestimado -con imposición de costas a ENCE- na sentenza 4/2021 de 13 de xaneiro deste ano, sentenza que da a razón ao Concello de Pontevedra e que vimos de analizar.

Convén lembrar que cando o goberno de Mariano Rajoy concedeu a irregular prórroga a ENCE, fíxoo por 50 anos, condicionando a súa ampliación por 10 anos máis ao cumprimento dunha serie de medidas medio ambientais que figuran nun compromiso asinado entre a empresa e o Estado. Pois ben, de acordo co manifestado pola empresa, as obras denunciadas eran parte deste compromiso ambiental, polo que -ao seu entender- deberían considerarse como obras de interese público e, xa que logo, non deberían estar suxeitas ao control municipal. O certo é que, por figurar nun compromiso co Estado, estas obras non adquiren ese pretendido carácter público, de interese xeral, polo que -como calquera outra obra- están suxeitas ao cumprimento do ordenamento urbanístico do Concello de Pontevedra. Pretender un fallo xudicial favorábel a esta tese, resulta simplemente inaceptábel.

Neste sentido a sentenza é absolutamente clara e contraria aos argumentos de ENCE; as obras denunciadas pola APDR, “son promovidas por unha entidade privada e refírense a actuacións para a mellora da súa actividade industrial”, polo que -como mantiñamos nós na nosa denuncia- non se trata de obras de interese público e “non poden considerarse excluídas da necesidade do título habilitante municipal”.

E permítense o luxo de tratar de descualificar á APDR -na persoa do seu presidente- acusándonos de actuar desde hai moitos anos “de común acordo” co Concello! Deberían saber xa a estas alturas que, de non ser polas denuncias da APDR, moitas das obras ilegais que levan adiante no recinto fabril, como moitas das agresións ambientais que cometeron e seguen a cometer, terían pasado desapercibidas! E deben saber tamén que, por máis que o pretendan, non van conseguir que deixemos de actuar por todos os medios ao noso alcance pola desaparición de ENCE da nosa Ría e pola recuperación da calidade de vida, por un modelo económico sustentábel, baseado na explotación racional dos recursos da Ría, dos montes e do turismo, un modelo e unha economía que favorece a creación de emprego de calidade na comarca e que nos foron roubados coa chegada de ENCE a Lourizán.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print