Estamos fartas, Sr. Feijóo! Carta aberta da “APDR” ao presidente da Xunta de Galicia


Sr. Feijóo,

En Pontevedra somos moitas as persoas que estamos fartas de aturar a presenza de ENCE na nosa Ría e nas nosas vidas,… que estamos fartas de ver como o dominio público marítimo-terrestre (DPMT), que nos pertence a todas nós, está ao servizo exclusivo dunha empresa que leva máis de 60 anos estragando a nosa Ría, o ar que respiramos, a nosa saúde e a economía da comarca! Estamos fartas de ver como unhas instalacións impostas pola forza militar franquista a costa de deixar sen traballo a centos de familias que vivían da explotación racional da Ría continúan hoxe ocupando ilegalmente Lourizán e agredindo á paisaxe e aos nosos sentidos….!

Pero estamos máis fartas se cabe, das Institucións e dos gobernantes que, como a Xunta de Galicia e Vde. mesmo que a preside, están instaladas no incumprimento sistemático da lexislación ambiental,… na corrupción ambiental que protexe os intereses particulares dunha empresa fronte ao lexítimo interese xeral!

Porque Vde. e o goberno da Xunta, saben dabondo que ENCE ten que cumprir a Autorización Ambiental Integrada (por certo, feita á medida das necesidades da empresa!), pero tamén a lexislación! Que o cumprimento da AAI non lles exime de cumprir a lexislación ambiental, entre outras (por verter á Ría xunto coas augas procedentes da EDAR de Os Praceres) a Directiva 91/271/CEE de augas residuais urbanas, unha directiva que incumpriron sistematicamente até hai ben pouco e que aínda agora incumpren de forma puntual para algún dos parámetros que nela se contemplan. E non nos diga que esta Directiva non é de aplicación ao vertido de ENCE, que no seu caso abonda con se adaptar ás Mellores Técnicas Dispoñíbeis (MTD), porque Vde. ten que saber que desde a Unión Europea clarexouse, por activa e por pasiva, que se a planta de pasta de papel verte ao medio (como é o caso!) xunto con augas residuais urbanas, a amentada Directiva substitúe ás MTD!

Porque Vde. e o seu goberno, saben perfectamente que os vertidos de ENCE teñen unha carga de contaminación microbiolóxica moi elevada e, porén, miran cara a outro lado. Fai falta que lle digamos que os datos nos que baseamos todas estas afirmacións son datos facilitados pola propia Xunta de Galicia que Vde. preside?

E resulta lamentábel e denunciábel a actitude que mantén Vde. e o seu goberno ao respecto da permanencia de ENCE en Lourizán! Porque Vde. sabe que a lexislación reserva o DPMT para aquelas instalacións ou actividades que “pola súa natureza” non poidan ter outro emprazamento. Que parte de “pola súa natureza” non entende, Sr. Feijóo? Non se está a dicir “polo seu interese ou comenencia”, nin “pola súa rendibilidade económica”, non; non se está a dicir tampouco “polas súas necesidades”, e Vde. sábeo perfectamente! Poida que o emprazamento actual resulte idóneo para os intereses empresariais, pero iso non xustifica que poida continuar nel… Sabe Vde. onde están situadas o resto de fábricas do sector no Estado español? Dirémosllo nós… fóra dos terreos de DPMT! Tal como se recolle no Informe que a Avogacía de Estado enviou á Audiencia Nacional con data de 4 de maio de 2020 (recomendámoslle Sr. Feijóo que, de non telo feito xa, lea este Informe porque vaille resultar moi instrutivo!) non existe no EE ningunha outra fábrica de pasta de papel que ocupe terreos demaniais! Mesmo a fábrica que ENCE ten en Navia non é unha excepción! E fano así porque noutras comunidades fanlle cumprir a lei pero, tamén, por responsabilidade empresarial, unha responsabilidade que os directivos de ENCE confunden coas esmolas e a presión á sociedade, ás administracións e a outras instancias dos distintos poderes do Estado!

E, por favor, non sexa Vde. cínico e non invoque os postos de traballo da fábrica para xustificar o que é inxustificábel! En primeiro lugar porque Vde. fala dun número de postos de traballo directos e indirectos que só existen na imaxinación de ENCE e que, na meirande parte dos casos (todos aqueles que teñen que ver coa corta e transporte da madeira) non desaparecerían co fin da actividade de ENCE en Lourizán pero, sobre todo, porque ten dado sobradas razóns de que a Vde. non lle preocupan máis que os postos de traballo de ENCE! Que ocultas razóns se agochan tras esta defensa desmedida dos postos de traballo de ENCE -e dos intereses empresariais- unha actitude que non existe cando se trata doutras empresas radicadas na Galiza? Que lle leva a esas posicións belixerantes cando se trata dun posíbel peche de ENCE e a non facelo noutros casos? Poderíamos falar longo e tendido de empresas que tiveron que botar o peche sen que Vde. movese un dedo para impedilo, pero imos limitarnos a citar tan só o peche de multitude de oficinas bancarias que está a supor a perda dun importante número de postos de traballo e deixar sen servizo a multitude de persoas nas nosas vilas e pobos… A que se debe este comportamento desigual? Que teñen os postos de traballo de ENCE que non teñan os demais?

Debemos recoñecer, Sr. Feijóo, que, por máis voltas que lle damos, non somos quen de conseguir unha explicación axustada a comportamentos medianamente éticos… Porque, ao noso entender, defender medidas de máis que dubidosa legalidade, non se xustifica só polo peso que o seu partido ten no Consello de Administración da empresa; e, sinceramente, coñecendo a traxectoria de ENCE e a do Partido Popular, só podemos pensar na existencia de beneficios económicos persoais ou de grupo a cambio deste comportamento de absoluta conivencia e submisión aos intereses da empresa pasteira!

Coa Lei na man, ENCE tiña que ter deixado o seu emprazamento en Lourizán no ano 2018, ano no que venceu a prórroga concedida trala promulgación da Lei de Costas de 1988 para buscar un emprazamento alternativo fóra do DPMT. E Vde. e o seu partido -entre outros- tiñan a obriga de velar polo cumprimento da legalidade e esixir a saída de Lourizán nesa data; non fai falta que lle digamos cal foi o seu comportamento ao respecto nin o do PP. A realidade é que agora, e tras unha vergoñenta e ilegal prórroga de 60 anos, a decisión está nas mans da Audiencia Nacional, e o seu partido -e Vde. mesmo- tratan de influír nesta decisión para que ENCE poida continuar no seu actual emprazamento até 2073, unha permanencia ilegal como xa dixemos.

Sexa cal sexa a decisión final da Audiencia Nacional, na Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) imos continuar na loita pola recuperación do que é do conxunto da cidadanía, pola recuperación do DPMT, e por un modelo económico sustentábel no tempo e incompatíbel coa presenza de ENCE en Lourizán. O próximo domingo día 4 faremos unha nova Marcha contra Celulosas que só o inicio dunha nova etapa de loita por defender o interese xeral, algo que Vde., a Xunta de Galicia, e o Partido Popular se negan a defender.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print