Satisfación na APDR tras a reunión co secretario de Estado Hugo Morán


Membros da “Asociación Pola Defensa da Ría” mantiveron na mañá de hoxe, e con anterioridade á reunión da “mesa de diálogo” polo tema ENCE, unha reunión co Secretario de Estado para a
Transición Ecolóxica, Hugo Morán. A amentada reunión, á que asistiu tamén a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, desenvolveuse nun clima de absoluta cordialidade e
cumpriu todas as expectativas da Asociación.

Deixou clara o Sr. Morán a posición do Ministerio, que parte do principio irrenunciábel do cumprimento da Lei e da sentencia xudicial ao respecto da prórroga cando esta sexa firme, afirmando que ENCE non pode seguir en Lourizán, e que alimentar falsas esperanzas noutro sentido -en clara alusión á posición da de ENCE e a Xunta- é enganar aos traballadores. Neste sentido, indica que non está sobre a mesa a busca de solucións que permitan a continuidade de ENCE en Lourizán e que o papel do Ministerio é forzar á Xunta e a ENCE para que -no caso de que a empresa estea interesada- busquen un emprazamento alternativo na Galiza onde sexa posíbel manter os postos de traballo da fábrica.

Lamentou o Secretario de Estado que a Xunta pretenda facer dun asunto que deriva da concesión ilegal da prórroga por parte de Mariano Rajoy, un motivo de enfrontamento entre Xunta e Goberno Central, un debate absolutamente falso e no que o Ministerio non vai participar.

Desde a APDR instamos á Xunta de Galicia para que asuma as súas responsabilidades e defenda o ben común fronte aos intereses empresariais, e aos traballadores a que entendan que a lexítima defensa dos seus postos de traballo pasa por esixir á empresa a busca de alternativas fóra de Lourizán e non pola busca de falsos responsábeis dunha situación que só ENCE e o PP se encargaron de crear.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print