Carta aberta a Rafael Domínguez


Sr. Domínguez,

Vimos de coñecer as súas últimas declaracións sobre a prórroga de ENCE e, sinceramente, debemos recoñecer que nos teñen sorprendido; non tanto porque recoñeza Vde. que a prórroga concedida polo Presidente Rajoy foi ilegal, senón porque non alcanzamos a entender o porqué dese aparente desmarque dos seus xefes de Partido. Trátase dun intento por salvar a súa figura para as municipais (ao igual que aconteceu coa posición de traslado defendida por Telmo Martín no seu momento) ou é máis ben que de pronto veu Vde. a luz da realidade?

Porque ao longo destes últimos cinco anos, foron moitas as ocasións nas que desde a APDR explicamos publicamente as razóns legais que xustificaban a nosa posición contraria á prórroga e que nos levaban a considerala ilegal sen paliativos; e mesmo foron varias as ocasións nas que as nosas explicacións ían dirixidas expresamente á súa persoa. Porque se negou sequera a mirar os textos legais que citabamos para comprobar que tiñamos razón? Ou é que Vde. só recoñece o alcance dunha Lei logo da súa aplicación nunha sentencia xudicial? Ten mirado agora o artigo 32 da Lei de Costas que deixa en evidencia, antes e agora, que ENCE non pode estar en dominio público marítimo-terrestre?

E asume Vde. que os cargos do PP que participaron na concesión da prórroga, equivocáronse. Na APDR estamos convencidas de que cando o PP concedeu a prórroga a ENCE eran conscientes da ilegalidade que estaban a cometer, o que -evidentemente- suporía a comisión dun delito de prevaricación, non unha simple equivocación. Pero non semella Vde. asumir a responsabilidade que lle toca -como ao resto dos cargos públicos do PP- por ter participado desta ilegalidade de forma directa, indirecta ou inducida; porque todos Vdes. son responsábeis por ter defendido a capa e espada esta ilegalidade. Agardamos que examine agora Vde. a lexislación medio ambiental de aplicación a ENCE e recoñeza tamén todos eses incumprimentos que vimos denunciando hai moito e que o seu partido (e Vde. mesmo) veñen permitindo sistematicamente.

Lamentabelmente, todo indica que os nosos desexos non se van ver cumpridos porque nestas mesmas declaracións insiste Vde. na defensa da ilegalidade! Insiste Vde. en responsabilizar da situación actual de ENCE (abocada sen dúbida ningunha ao peche en Lourizán) a quen defende a aplicación da Lei… porque iso, e non outra cousa, é o que fixo o Alcalde Lores e o que fixemos tamén APDR e Greenpeace cando recorremos a decisión ilegal na Audiencia Nacional, por máis que Vde. semella non terse decatado aínda dos nosos recursos.

Xa por último, fala Vde. de que, aínda que poida parecelo, non é contraditorio que o Presidente Feijóo diga que “en Galicia hay sitio para dos fábricas de celulosa” ao tempo que mantén que “no hay ningún sitio a donde se pueda trasladar ENCE”, e trata de xustificalo dicindo que “a segunda celulosa tería un sistema produtivo distinto ao de ENCE e precisaría menos auga que ENCE”.

Todo indica que ten Vde. máis coñecemento do sistema produtivo dese novo proxecto (que desde logo non transcendeu publicamente) que da lexislación ambiental. Agradeceriámoslle que, nese caso, nolo faga chegar para poder coñecer, de primeira man, cales son as necesidades de auga desa hipotética segunda celulosa.

Reciba un saúdo,

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print