Sobre as valoracións interesadas de Rafael Domínguez


Temos visto na APDR a valoración que fai Rafael Domínguez, presidente do PP en Pontevedra, ao respecto do Informe sobre as posibilidades de adscribir á Autoridade Portuaria os terreos de dominio público que hoxe ocupa ENCE en Lourizán. Trátase do Informe solicitado polo Presidente Feijóo na procura dun xeito de burlar a Lei de Costas e as sentencias da Audiencia Nacional que anulan a prórroga concedida ilegalmente polo PP no ano 2016, e deixar a fábrica onde hoxe está, un Informe que o propio Sr. Feijóo entregou o pasado xoves á Ministra Teresa Ribera.

O primeiro que nos chama a atención é que o Sr. Domínguez descoñeza que este informe non ten carácter vinculante, e moito menos para un Ministerio que ten entre as súas funcións a da defensa do dominio público marítimo-terrestre; pero sorprende máis aínda que afirme que con este informe a empresa poderá seguir en Lourizán independentemente de que as sentenzas da Audiencia Nacional adquiran firmeza, porque esta afirmación carece do máis mínimo rigor. A realidade é que -con independencia da categoría xurídica do Consello Consultivo que, por certo, calquera pode poñer en dúbida se así o considera- mentres haxa sentenzas que anulen a prórroga, esta “solución xurídica” (como todas as que se foron pondo sobre a mesa) non ten ningunha viabilidade no que á permanencia de ENCE neses terreos se refire. Mesmo de conseguirse a adscrición dos terreos na Autoridade Portuaria, ENCE non podería seguir neles.

Máis unha vez, bota man da demagoxia para falar da situación económica que tería que soportar a nosa vila no caso dun traslado de ENCE, algo que non se compadece coa realidade. E chama a atención desta volta que afirme que “hai moitas cidades que se disputan a riqueza e os empregos que xera a fábrica”, porque -que nós saibamos- non houbo ningunha cidade galega que solicitase acoller esta fábrica no seu territorio. Debería o Sr. Domínguez facilitar os nomes dalgunha destas “moitas cidades” dispostas a acoller tan prezada riqueza.

Xa por último indicar que Domínguez sae ao paso das declaracións do Presidente Feijóo trala entrevista coa Ministra Ribera e, como era de agardar, considera que o seu “xefe de filas no PP” foi quen de arrincarlle á Ministra o compromiso de que ENCE quede en Galiza. Curioso xeito de interpretar o cambio de actitude do Presidente da Xunta ao respecto do tema, pois iso e nada máis que iso se pode deducir da amentada entrevista. O Ministerio para a Transición Ecolóxica  e o Reto Demográfico (ao igual, por certo, que o Concello de Pontevedra) mantivo sempre esa posición, e mesmo o Secretario de Estado, Sr. Morán, subliñou en distintas ocasións que o papel do Ministerio nas “mesas de diálogo” limitábase a tratar de poñer de acordo a ENCE e á Xunta na busca dun novo emprazamento na Galiza -e fóra do dominio público- para a fábrica. E debería ser coñecedor de que a postura da Xunta, do PP e do propio Feijóo, foi sempre a defensa “a toda costa” da posición formulada por ENCE como “o en Lourizán, o fuera de Galicia”. Quen arrincou algún compromiso, Sr. Domínguez?

Permítanos un consello, Sr. Domínguez, se lle preocupan os traballadores da fábrica, abandone Vde. a posición na que se atopa enrocado xunto a ENCE e o Comité de Oficinas Centrales de CC.OO., porque esa posición está condenada ao fracaso e está conducindo aos traballadores ao paro ante a absoluta pasividade dunha empresa que -co apoio submiso do seu partido- defende exclusivamente os seus privilexios.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print