A “APDR” contraria á conexión das augas residuais do Polígono de Sequeiros á EDAR de “Os Praceres”


Recollían días atrás os medios de comunicación a nova de que o Alcalde de Barro, Sr. Abraldes, propuña conectar as augas residuais do polígono de Sequeiros á EDAR de Os Praceres, unha idea coa que na APDR non podemos concordar e que agardamos sexa rexeitada polo Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia.

Debemos lembrar, neste sentido, que na Asociación Pola Defensa da Ría mantivemos sempre unha posición contraria á situación da amentada EDAR, e así o fixemos constar nas alegacións presentadas no seu día contra os proxectos de mellora da EDAR, da súa ampliación e mesmo do novo tubo emisario. Nestas alegacións criticamos sempre, e xunto a moitos outros problemas de tipo estrutural da EDAR, que o volume e a procedencia das augas residuais urbanas tratadas nesta estación depuradora, non era o axeitado por entender que provocaba un mal funcionamento da infraestrutura e, xa que logo, a mala depuración das augas e efectos negativos sobre o medio receptor das mesmas e sobre os recursos marisqueiros. Sostemos na APDR que é fundamental buscar solucións alternativas para -cando menos- as augas procedentes do porto de Marín, as do polígono industrial do Campiño, e para aquelas procedentes dos Concellos de Poio e Vilaboa.

Neste sentido, entendemos tamén que a solución lóxica para o tratamento das augas residuais procedentes do polígono de Sequeiros, pasa pola busca de alternativas “in situ”, e non se pode tratar de buscar solucións que poden provocar problemas nunha infraestrutura que -ao noso entender- está xa sobredimensionada.

Non debemos esquecer tampouco, que o polígono de Sequeiros (promovido pola Comunidade de Montes da Mancomunidade da Portela) forma parte do complexo Barro-Meis, que está prevista a súa ampliación a curto prazo e que poida que nun futuro acade maiores dimensións co conseguinte aumento do volume de vertido de augas residuais urbanas.

Reiterámonos nos criterios e argumentos utilizados nas alegacións presentadas no seu día para opornos aos proxectos referentes á depuradora de Os Praceres e ao novo emisario (alegacións que en moitos casos non tiveron resposta por parte do organismo competente) e chamamos a buscar solucións viábeis para a depuración eficaz e eficiente de todas as augas residuais urbanas da nosa comarca.

Ver tamén: http://www.apdr.info/wp/2019/12/04/presentamos-alegacions-a-ampliacion-da-edar-de-praceres-e-a-autorizacion-de-vertido-para-a-edar-e-o-emisario-submarino/

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print