Sobre a tramitación dos recursos contra a prórroga polo Supremo


Publica ENCE na súa páxina web un Informe no que -entre outras cousas- afirma que o Tribunal Supremo (TS) suspendeu a tramitación dos recursos de casación presentados contra a sentenza que anula a prórroga da empresa a instancias da APDR, até que se resolvan os procesos correspondentes ás sentenzas presentadas polo Concello de Pontevedra e Greenpeace.

Como queira que esta noticia -que recolle algún medio informativo- afecta á nosa Asociación e que, ademais, non describe a situación procesual actual da tramitación da sentenza á que fai referencia, entendemos necesario aportar algúns datos que axuden a clarificar o tema.

Certamente, o TS comunicou ás partes o acordo de suspender a decisión de admisión/inadmisión dos recursos de casación neste caso até que se dite sentenza nos outros dous asuntos, un xeito de actuar habitual nos tribunais de xustiza cando entenden que os asuntos tratados en varios procedementos son coincidentes; un mecanismo de economía procesual. Con todo, esta decisión non é firme xa que a APDR ten presentado recurso de reposición á mesma. Baseamos o noso recurso no artigo 37.2 da Lei Xurisdicional, que contempla que esta suspensión farase “previa audiencia de las partes”, un dereito que nos foi negado e que ao noso entender será recoñecido polo alto Tribunal. Entendemos tamén que a suspensión debería facerse, en todo caso, unha vez que estea identificada a cuestión “casacional”, é dicir, logo de ter decidido sobre a admisión dos recursos de casación.

Afírmase tamén que as tres sentenzas son practicamente iguais e que, polo tanto, terán a mesma resolución final, unha afirmación gratuíta xa que a ditada no asunto instado pola APDR ten diferencias substanciais coas correspondentes do Concello e Greenpeace.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print