Concentracións nas 7 cidades galegas, LUMES NUNCA MÁIS!


A Plataforma “Por un monte galego con futuro”, integrada por numerosas asociacións e colectivos do país coma a APDR, convocan concentracións simultáneas nas 7 cidades galegas para mañá xoves 21 ás 20h (20:30 en Ourense) en resposta a vaga de incendios que está a devastar as máis emblemáticas xoias ecolóxicas de Galiza.

As entidades convocantes reclamarán a declaración de “zona cartastrófica” (agora “zona afectada gravemente por unha emerxencia civil”) das áreas atinxidas polos lumes, así como accións inmediatas para evitar a erosión destes solos de extraordinaria importancia e procurar o antes posíbel a súa restauración, entre outras reivindicacións que se lerán nun manifesto coxunto (ver abaixo)

Co obxecto de que o goberno da Xunta escoite unha soa voz que percorra o país ao berro de LUMES NUNCA MÁIS, a  plataforma “Por un monte galego con futuro”, anima á sociedade galega a saír á rúa, asistindo ás  concentracións convocadas en:

  • A Coruña, Obelisco.
  • Compostela, San Caetano.
  • Ferrol, Delegación da Xunta.
  • Lugo, Delegación da Xunta.
  • Pontevedra, Delegación da Xunta.
  • Vigo, Delegación da Xunta.
  • Ourense, na Praza Maior ás 20.30h.

Ver fotos da concentración de Pontevedra:

MANIFESTO: Por un monte galego con futuro: LUMES NUNCA MÁIS !!

Xullo de 2022

As causas estruturais dos incendios forestais están xa suficientemente diagnosticadas dende hai anos, e as medidas precisas para reducir a súa incidencia son tamén coñecidas. A pregunta é como unha administración que ten a cacidade técnica e xurídica para poñelas en marcha, alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario (Lei de Montes galega e estatal que permite recualificar terreos queimados, Plano Forestal, Lei de Depredación, Decreto do Eucalipto, Biomasa e cultivos enerxéticos…) para seguir permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, a eucaliptización e o lume.

Nula prevención, recurtes, máis superficie de pirófitas, menos franxas de protección, forestación de terras agrarias, cultivos enerxéticos, privatización encoberta das CCMM, uso do lume como ferramenta… Moitos dos lumes que arrasan arestora o país son causa destas políticas e xa que logo, comenzaron nun despacho oficial.

A actual estratexia do executivo galego para combater os lumes forestais é agardar a que chova. O Partido Popular na Xunta segue a ignorar a necesidade de atallar as causas estruturais dos lumes forestais, de extremar as medidas de prevención contra os incendios, de mudar radicalmente o modelo de monte galego e de evitar o despoboamento do rural.

Non foron poucas as iniciativas que se promoveron na última década por parte da sociedade galega para instar ao do PP na Xunta a mudar a súa política forestal e de montes, pero sen éxito. A Iniciativa Lexislativa Popular na defensa do bosque autóctono, malia a ser a ILP con máis apoio social levada ao Parlamento, foi rexeitada polo grupo parlamentario do Partido Popular. O actual executivo tamén desatendeu as máis de 40 medidas que máis de 20 colectivos propoñiamos, dentro da campaña “Por un monte galego con futuro”, para adaptar as condicións do monte galego ao actual contexto de emerxencia climática, no que os lumes forestais cobran importancia e virulencia. Moitas destas medidas levan agardando máis de catro décadas para poñerse en práctica: prevención de incendios todo o ano, promoción dun monte multifuncional e resiliente fronte o cambio climático, recuperación de especies forestais propias, freo ao monocultivo de especies pirófitas e foráneas, aumento das faixas de protección fronte os lumes, etc.

Porén, a desidia e falta de vontade do goberno do PP de mudar o modelo de monte galego favorecen a propagación dos incendios forestais e tamén os intereses da industria do lume. Os lumes serán un “clásico” en Galiza, mentres as políticas da Xunta para atallalos tamén sexan as “clásicas”.

Dende 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada. O modelo forestal baseado nos monocultivos de pirófitas é un importante factor estrutural directamente relacionado coa problemática dos incendios forestais. Sobre este modelo si de pode actuar: non facelo, a sabendas das consecuencias que pode ter para a nosa natureza e mesmo para a vida das persoas seguir planificando a favor do eucalipto, fainos cómplices dos resultados.

A actual vaga de lumes está deixando feridos de morte algúns espazos naturais protexidos de extraordinario valor ecolóxico. A Rede Natura de Ancares-Courel, o Macizo Central e os Parques Naturais do Invernadoiro e da Serra da Enciña da Lastra están ardendo a cachón. Alén das lamentábeis perdas de vidas e propiedades, as consecuencias ambientais e sociais destes lumes son extremadamente graves, pois estanse a perder espazos que acollen hábitats e especies que son especialmente relevantes para a conservación da nosa biodiversidade e os servizos ecosistémicos, así como para afrontar con maior resiliencia as consecuencias do cambio climático.

Porén, a Xunta segue facendo deixazón de funcións na súa xestión dos espazos naturais protexidos e resístese a ampliar os espazos da Rede Natura (Galiza ten a superficie máis cativa de Rede Natura do Estado, que non amplía desde 2004). Estas áreas seguen sen contar con planos especiais de prevención fronte os incendios forestais, nomeadamente naquelas nas que os lumes som recorrentes, como no caso do Macizo Central. Exiximos á Xunta e, nomeadamente, aos servizos de Medio Ambiente e de Medio Rural que promovan medidas extraordinarias de custodia, vixilancia, prevención e de extinción nos espazos naturais protexidos de Galiza para combater os incendios forestais.

DEZ MEDIDAS PARA LOITAR MÁIS EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES:

  1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Creación dunha lei de ordenación dos usos das terras que favoreza a multifuncionalidade do monte e, por tanto, a súa prevención fronte os incendios forestais para e vitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.
  2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.
  3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.
  4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. O PLADIGA será de carácter anual e aprobarase no último trimestre do ano anterior ao de aplicación e establecer obxectivos claros de prevención dos incendios forestais. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.
  5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.
  6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas
  7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.
  8. Creación dun único servizo público, profesional e adecuadamente formado de prevención e extinción de incendios. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.
  9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.
  10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.

Plataforma “Por un monte galego con futuro”:

A Estruga, A Rente do Chan-Pladever, A Ría Non se Vende, A Terra Non se Vende (ATNSV), Agrupación Micolóxica Naturalista Liboreiro, Amarelante Sociedade Cooperativa Galega, Amigos da Terra, Anduxía, Asociación Ambiental Petón do Lobo, Asociación Ambiental Senda Nova, Asociación de Amigos e Amigas dos Bosques “O Ourol de Anllóns”, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación para a defensa medioambiental Salvemos Monteferro, Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (AGACS), Asociación Galega de Apicultura (AGA), Asociación Galega Cova Crea, Asociación Cultural Bidueiro, Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT), Asociación de Custodia do Territorio Brexa, Asociación Frouma, Asociación Medioambiental Galicia Ambiental, Asociación Medioambiental Grupo Lobo, Asociación Monte Galego, Asociación Montes de Galiza (MONTEGAL), Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM), Asociación Naturalista Hispella, Asociación Rebinxe, Asociación Rexeneración Autóctona, Asociación Veciñal do Saviñao, Colectivo Agrocuir da Ulloa, Comando Ghichas, Confederación Intersindical Galega (CIG), Ecoloxistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Federación Rural Galega (FRUGA), Foro do Camiño, Fundación Eira, Greenpeace, Grupo Naturalista Hábitat, Instituto de Estudos Miñoráns, Mariña Patrimonio, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo «CÍES», Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, Quercus Sonora, Salvemos as Fragas de Catasós, Sindicato Labrego Galego, Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), SOS Groba, SOS Suído Seixo, Terra Chá Sostible, Verdegaia e Véspera de Nada.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print