O 26 de decembro, recibimos na “Asociación Pola Defensa da Ría” notificación do novo Xefe de Servizo de Costas en Pontevedra pola que se nos comunica a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica de “declarar a caducidade da concesión outorgada por O.M. de 15 de decembro de 1971 á Electroquímica del Noroeste S.A. para a ocupación de terreos de dominio público marítimo-terrestre en Lourizán”. Materialízase así, de forma definitiva, o fin da actividade industrial de ELNOSA na nosa Ría.
A resolución, asinada o pasado 14 de decembro pola Directora General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar, Dna. Ana María Oñoro Valenciano, coa que a APDR mantivo reunión no mes de setembro, fundaméntase en dous criterios avanzados daquela e que constitúen causa de caducidade total da concesión, a transmisión ilegal da titularidade das accións, e a ocupación ilegal de terreos en Lourizán.
E, xunto á declaración de caducidade da concesión de ELNOSA, a Dirección General ordena ao Servizo Provincial de Costas en Pontevedra que leve adiante a acta de reversión dos amentados terreos, e que á súa vez ordene a ELNOSA o levantamento e retirada das instalacións dos terreos que agora ocupa, actuacións que correrán a cargo da empresa e para as que ditará expresamente os termos en que se deberán facer. En calquera caso, ELNOSA terá que recuperar os terreos que agora ocupa, polo que terá que presentar un proxecto concreto de actuación e asegurar mediante a correspondente garantía económica a correcta execución dos traballos.
Con independencia da vía en que se materializou o peche de ELNOSA, para a APDR este feito constitúe unha vitoria da sociedade da comarca pontevedresa que, desde hai xa demasiados anos, vén loitando pola recuperación da Ría e os terreos roubados ao mar nos anos 50 do pasado século, e que, máis cedo que tarde, verá cumprido o seu soño coa saída de ENCE de Lourizán.
Non debemos esquecer que no caso de ENCE, existen tamén causas de caducidade total (entre outras a transmisión ilegal da titularidade da concesión e o incumprimento da condición fixada no título habilitante para a DBO dos seus vertidos), e que só unha decisión irregular do goberno do PP permite a súa permanencia en Lourizán, unha situación que é posíbel reverter e que o actual goberno socialista debería acometer sen máis dilación. Neste sentido, a APDR non vai cesar na súa loita pola desaparición do complexo e pola recuperación da Ría para a explotación racional dos seus recursos, e anima á poboación da comarca a manter a súa posición firme na defensa destes obxectivos no convencemento de que só a mobilización social fará posíbel conseguilos.