A APDR amosa a súa satisfacción polo trunfo social contra a mina de Touro-O Pino


Máis unha vez, a loita organizada da cidadanía tense demostrado fundamental na consecución dun obxectivo social na nosa terra; con efecto, e como no conflito pola reapertura do servizo de pediatría no Hospital de Verín, a Xunta de Galicia veuse na obriga de rexeitar o proxecto de reapertura da Mina de Touro-O Pino, recuando nas súas verdadeiras intencións. E aínda que non se pode esquecer que nestas decisións do PP teñen un peso importante os seus intereses electorais, non se terían producido de non existir unha forte oposición social. Neste sentido, a paralización do proxecto de reapertura da mina, é un trunfo indubidábel dos colectivos sociais organizados que, coa “Plataforma Mina de Touro-O Pino NON!” á cabeza, foron quen de manter de forma continuada, importantísimas mobilizacións.

Desde a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), que ten apoiado de forma decidida a loita polo peche definitivo da mina e a recuperación das zonas degradadas, queremos transmitir os nosos parabéns a todas as persoas e organizacións que mantiveron acesa esta loita e que conseguiron esta importante vitoria; pero, ao tempo, queremos chamar a atención sobre a necesidade de non baixar a garda para conseguir que o que hoxe é unha vitoria parcial, remate por se converter na vitoria definitiva da man da recuperación dos terreos e a anulación da concesión mineira que, non o debemos esquecer, ten vixencia ata 2068.

Xa por último, queremos insistir na importancia capital de manter a organización e a mobilización social para impedir unha volta atrás nesta situación, e reiteramos o noso compromiso decidido a seguir apoiando esta loita en tanto non se produza esa vitoria definitiva da que falamos.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print