A marcha contra as celulosas: valoración da APDR no día mundial do medio ambiente


Unha vez tomada a distancia necesaria no tempo para analizala con rigor, na “Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra” (APDR) dispómonos a realizar unha valoración da mobilización celebrada o pasado domingo en Pontevedra contra as celulosas de ENCE e ALTRI. E facemos coincidir esta decisión coa data na que se celebra o “Día mundial do Medio Ambiente”, unha data na que debemos afondar sobre cal debe ser a nosa relación individual e colectiva co medio natural nun sentido amplo.

Ninguén discute xa o enorme éxito de participación que acadou a MARCHA CONTRA AS CELULOSAS de ENCE e ALTRI celebrada o pasado domingo baixo o lema NIN ENCE NA RÍA, NIN ALTRI NA ULLOA… CELULOSAS FÓRA ! que presidiu a mobilización convocada de forma conxunta pola PLATAFORMA ULLOA VIVA, a PLATAFORMA EN DEFENSA DA RÍA DE AROUSA (PDRA) e a propia APDR, unha mobilización na que -segundo afirman algúns medios- participaron unhas 30.000 persoas e na que o carácter unitario primou por riba de calquera outra cuestión.

Con efecto, para a APDR, o maior éxito da mobilización foi o grado de unidade acadado entre as forzas que lideramos a loita contra ENCE e ALTRI na Galiza, unha unidade que -ao noso entender- debe manterse no tempo, mesmo cando desapareza a ameaza da chegada da empresa lusa a Palas de Rei, e que mereceu o apio de case 200 colectivos sociais da comarca. Trátase dun número moi elevado de colectivos que, evidentemente, non venden a súa independencia e honradez polas esmolas do chamado “Plan social de ENCE”; pola importancia que adquire este feito, debemos destacar a presencia de colectivos que -cun amplo peso social na comarca- nunca antes tiñan participado nas mobilizacións pola saída de ENCE da Ría de Pontevedra e que, agora, ven a necesidade de traballar pola consecución deste obxectivo común.

Debemos destacar tamén, aínda que polo que ten de negativo, o tratamento dado á mobilización desde a TVG, un medio que, lonxe de representar os intereses e preocupacións da sociedade galega no seu conxunto, actúa como aparato de propaganda do Goberno Rueda; no seu intento de minimizar a importancia da Marcha, evitou emitir as imaxes máis elocuentes da mesma, tratou de silenciar as consignas que esixían a saída de ENCE da Ría, e mesmo tratou de confundir á opinión pública ao comparar ALTRI coa planta que pretende instalar ENCE no Concello de As Pontes. Hai quen di que o “aviso amarelo por temporal costeiro” nas Rías Baixas que lanzou Meteogalicia para o domingo 1 de xuño, tiña por obxectivo evitar o desprazamento á nosa Ría para participar na Marcha; poida que fose así, máis o certo é que nesa data, en Marín e Pontevedra, tivo lugar un “tsunami”, un “tsunami” humano que encheu as alamedas e a autovía e que deixou claro, máis unha vez, que a maioría social na Galiza rexeita estas dúas celulosas.

 

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print