Descubrindo o río Valdevorvos


A Mesa pola Recuperación do Río Valdecorvos organiza o evento “Descobrindo o Río” pola que busca visibilizar o valor ambiental, histórico e urbanístico do curso fluvial do río Valdecorvos, soterrado durante máis de medio século,

A actividade estrela terá lugar o sábado 14 de xuño, cando residentes de todas as idades terán a oportunidade de participar na creación dun gran mural efémero que debuxará a traza do río entre Casimiro Gómez e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD).

O evento, que se desenvolverá entre as 11:00 e as 21:00 horas, contará con música tradicional a cargo da Banda de Gaitas e Danza O Son da Pedra, comida caseira e ambiente festivo.

Para o domingo 15 de xuño, a partir das 16:00 horas, organizáronse rutas informativas que percorrerán a senda do Valdecorvos, recuperada grazas á colaboración veciñal.

Expertos e persoas colaboradoras da contorna explicarán os principais puntos de interese naturais, sociais e históricos deste espazo.

As persoas interesadas deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico afirval@protonmail.com.

Complementando estas actividades, entre o 14 e o 17 de xuño tamén está prevista unha exposición histórica na rúa Pai Fernando Olmedo 54, con máis de 20 láminas en gran formato sobre a historia e transformación do Valdecorvos, incluíndo documentos veciñais, imaxes inéditas da Boa Vila desde o século XVI e investigacións realizadas en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura e a Universidade da Coruña.

A Mesa pola Recuperación do Río Valdecorvos, integrada por AFIRVAL, A.V. Altamira, A Pedreira, Vaipolorio, APDR e ANPA Vilaverde, conta coa colaboración do Concello de Pontevedra, a Deputación e numerosos negocios da zona afectados polas inundacións que sofre o barrio desde hai máis de 50 anos.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print