No traspaso de competencias sobre o litoral á Xunta de Galicia


Este martes día 1 de xullo entrará en vigor o traspaso das competencias sobre o litoral galego á Xunta de Galicia; así, moitas das funcións e servizos que se viñan xestionando desde o Goberno central, serán agora transferidas e xestionadas directamente polo Goberno galego. Trátase pois dunha noticia de enorme interese para a nosa comunidade, que aumenta así o desexábel grao de autogoberno e, ademais, nun tema de vital importancia para quen traballamos pola recuperación e saneamento das nosa Rías e do noso litoral, unha zona na que teñen que convivir a defensa do medio ambiente, da paisaxe, e os recursos naturais coa defensa das actividades tradicionais derivadas da explotación racional dos recursos pesqueiros e marisqueiros.

En calquera caso, esta noticia -enormemente positiva para á APDR, como dixemos- non nos pode satisfacer de cheo ao se tratar dunhas competencias que van estar xestionadas pola actual Xunta de Galicia, un goberno que ten amosado a súa falta absoluta de sensibilidade ambiental, e a súa dependencia submisa das grandes empresas depredadoras do noso territorio e do noso litoral.

Como esquecer o papel xogado pola Xunta do PP e polo Sr. Rueda no procedemento da concesión da prórroga a ENCE na nosa Ría? Como esquecer que o actual Presidente da Xunta actuou como “recadeiro” de ENCE para tratar de convencer á Deputación de Pontevedra da necesidade de agasallar á Empresa o Pazo de Lourizán? E o mesmo poderiamos dicir ao respecto da defensa a morte, sen reparos, desta Xunta de Galicia á expansión do eucalipto e a proxectos extractivistas que, como o de ALTRI, os eólicos ou os relacionados coa minería, entran en clara contradición co modelo de desenvolvemento económico que precisa Galiza, un modelo que ten que se basear na explotación racional dos nosos recursos.

A política da Xunta de Rueda, continuidade da do seu predecesor Núñez Feijóo, caracterízase pola defensa dos intereses empresariais fronte á defensa do ben común, o que lle leva a adoptar posicións que -no que fai á defensa do litoral- entran en contradición coa defensa do medio e dos recursos naturais. A súa aposta pola adicación turística de cantas instalacións están hoxe en desuso na costa galega e a concepción laxa do que é a “cadea mar-industria” (cuestións que xa criticamos nas nosas alegacións á Lei do Litoral de Galicia), pode levarlles a pretender ocupar boa parte do noso litoral con actividades que en modo ningún poden establecerse en dominio público marítimo-terrestre, o que levaría ao enfrontamento co Goberno central que, non se pode esquecer, seguiría tendo competencias no regulado polas leis de carácter estatal, entre outras a Lei de Costas e a Lei de Portos de Estado.

Desde a APDR estaremos vixiantes das actuacións que a Xunta de Galicia vaia propondo facer no litoral como resposta ao traslado de competencias e seguiremos denunciando, no caso de consideralo necesario, todas aquelas actuacións que ao noso entender entren en contradición coa defensa do medio ambiente e a explotación racional dos nosos recursos.

Podes compartir en:
Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Print this page
Print